Fotomatón, tatuaxes e peiteado de mascotas, últimas tendencias en Vigo Vodas
O IFEVI acolle unha nova edición de Vigo Vodas ,un salón dedicado en exclusiva aos casoiros con 80 expositores
Ademais dos imprescindibles traxes, xoias e lugar da cerimonia, ofrécense complementos para o divertimento
O custo medio dunha voda con 100 convidados rolda os 30.000 euros en Galicia
O recinto feiral de Vigo acolle unha nova edición de Vigo Vodas, un salón dedicado a todos aqueles elementos que cómpre ter en conta á hora de organizar un casamento.
Os 80 postos ofrecen xoias, música, adobíos para a cerimonia ou o banquete, propostas de fotografía, vídeo ou decoración. Pero hai tamén oco para esa faceta complementaria que fai do evento algo divertido e orixinal.
Son tantos os elementos que hai ter en conta para que todo saia ben ese que pasa por ser un dos días máis bonitos da vida, que cómpre ir preparando todo con moita antelación.
"Casamos no ano 2027, pero xa imos pouco a pouco encargando o restaurante, os traxes, fotografía, dj, a lúa de mel...", comenta unha parella de visita na feira.
Iso é o básico. Aínda que neste salón tamén se ofrecen os complementos que fan todo máis divertido. Como as tatuaxes, cada vez máis de moda.
"Facemos todo tipo de mini tatoos, con símbolos de toda índole. Iniciais, números, datas, corazonciños, ondiñas, cariñas, estrelas, algunha cousa algo máis tola... En xeral son deseños preseleccionados para que a xente ao día seguinte non se arrepinta", comenta Nuria Fontán, tatuadora.
Ou fotos espontáneas, como os selfies, pero feitos por profesionais.
"Estamos entretendo, levamos o noso atrezzo, as nosas gorras e os nosos lentes, para animar á xente, quitarlle os sorrisos e facer as fotos máis divertidas", comenta Joni, dono dun fotomatón.
"Un touro mecánico non vai haber, pero si algo divertido", comenta outra parella entre o público presente no salón.
E cada vez máis, os contraentes pensan naqueles seres cos que conviven e teñen dereito tamén participar da festa.
"Recollémolo (o can) no domicilio, levámolo ao salón de peiteado, para que vaian igual de lucidos que o resto dos convidados. Logo levámolo ata o lugar do evento, para que tome o aperitivo co resto dos convidados e cos noivos. Poden facer tamén a entrega das alianzas", conta Javier Villar, peiteador e adestrador canino.
Hai quen formula o evento coma unha superprodución de cinema.
"Unha parella á que lle gustaba o mundo dos cabalos, chegaron nunha carroza cada un polo seu lado, acompañados dos seus amigos disfrazados de Super Mario Bros", relata Iria Pereira, traballadora dunha empresa que organiza eventos.
E toda escena nupcial require un decorado ben adornado.
"Cada vez hai que decorar máis estancias, dende os teitos do salón, cerimonias en exteriores, relixiosas, o photocall, etc.", comenta Jaime Porto, artesán florista do Porriño.
"Hoxe en día as vodas andan máis ou menos entre os 80, 100 ou 120 convidados. E aí os prezos roldan os 30.000 euros o custo dunha voda", apunta Jorge Manuel Silva Ferreiro, xerente da empresa organizadora da feira Vigo Vodas.
Un gasto importante que os protagonistas deben conseguir que pague a pena.