Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ferrol entrégase co Racing, que podería ascender este sábado

Ferrol entrégase co Racing, que podería ascender este sábado

O Concello permite instalar pantallas nas terrazas para ver o partido

As peñas organizan unha festa previa na rúa Magdalena

G24.gal 26/05/2023 14:30

O entusiasmo polo Racing pinta de verde as rúas de Ferrol. Comercios, bares, balcóns, mesmo pasteis temáticos, para apoiar o equipo ante un partido decisivo. "Estamos moi emocionados, se ascendemos mañá será histórico"; "ten que subir, si ou si"; "ten un equipo moi bo, desta vai".

A ilusión colectiva foi medrando e é contaxiosa. A cola para mercar camisetas do equipo é boa mostra diso. "É a terceira camiseta que compro"; "chegaron hoxe unhas poucas camisetas verdes máis, vanse esgotar seguro"; "compreina para que meu neno vaia co avó ao fútbol, que vaian xuntos os domingos a ver o Racing".

Verde é tamén a luz que deu o Concello para que os bares instalen pantallas nas terrazas para seguir o partido. Son moitos os que valoran o impulso económico que podería darlle á cidade o posible ascenso. "É moi importante, se ascendemos xa somos fútbol profesional e iso move xente, para a cidade é importante", explica Pablo Rebollo, propietario do bar Nuá.

"Dá vida nos bares, o campo está moi preto do centro, está ben". Tamén poderá haber concertos na rúa, como os que haberá na festa previa das peñas na rúa Magdalena, desde as once da mañá.

"Haberá música e picadiscos na rúa para amenizar o partido antes de ir ao estadio" engade Pablo Rebollo.

A Malata rexistrará un cheo absoluto, con 11.000 persoas presenciando o derbi contra o Celta B. Os demais poden seguilo por televisión nesta casa, a TVG 2, a partir das sete e media. A emoción está servida, dentro e fóra do estadio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar