Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ferroglobe presenta un ERTE ata final de 2027 para todo o seu persoal de Arteixo

Ferroglobe presenta un ERTE ata final de 2027 para todo o seu persoal de Arteixo

A medida afecta aos 113 traballadores da planta situada no polígono de Sabón

O Comité de Empresa mostra o seu rexeitamento frontal e prepara un calendario de mobilizacións

Arquivo (Europa Press) Arquivo (Europa Press)
G24.gal 15/07/2026 11:07

Ferroglobe, única produtora de silicio en España, presentou un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) para todo o seu persoal de 113 traballadores da planta de Sabón, en Arteixo, que se prevé que vaia do 1 de agosto de 2026 ao 31 de decembro de 2027, segundo comunicou ao Comité de Empresa.

A ese respecto, o Comité, formado por representantes da CIG e da UXT, mostrou o seu rexeitamento frontal ás condicións deste ERTE presentado pola dirección o 14 de xullo, polo que espera que haxa cambios, á espera dunha reunión este venres na que se aborde en profundidade as condicións.

Nun comunicado, a representación dos traballadores destaca que a planta de Ferroglobe en Sabón é un piar histórico no tecido industrial da Coruña e a única instalación en todo o territorio nacional dedicada á produción de silicio metal.

Conta cun persoal fixo de máis de 113 profesionais directamente vinculados á súa actividade e mais outros 200 empregos indirectos cuxo futuro depende agora da toma de decisións estratéxicas urxentes, principalmente por parte das autoridades.

O persoal denuncia que este axuste é a consecuencia directa dunha pasividade institucional, especialmente en Europa, que os está condenando a un escenario de total incerteza. Denuncian que as administracións están a permitir a destrución do sector, a pesar do valor estratéxico do silicio metal, indispensable para a transición enerxética, a industria tecnolóxica e a automoción.

O Comité sinala a lentitude de Europa para poñer en funcionamento medidas arancelarias e de protección reais fronte á invasión de silicio producido na China a baixo custo. "Este dumping, executado baixo normativas laborais e medioambientais que serían ilegais na Unión Europea, está a afundir os prezos e a alagar o mercado co beneplácito dunhas institucións que, paradoxalmente, presumen de defender a soberanía industrial europea", afirma.

O persoal advirte que non aceptará que a inacción política se utilice como escusa para precarizar as súas condicións laborais ou ameazar a continuidade da planta.

Por iso, esixe a Ferroglobe un plan de viabilidade claro e demandan aos Gobernos autonómico e central que aperten en Bruxelas para activar mecanismos de defensa comercial de xeito urxente. E é que se queixa de que a empresa non realizase unha xestión máis eficaz para conseguir prezos ou acordos enerxéticos (PPA).

"Non podemos ser sempre os traballadores quen paguen a factura. Esiximos á dirección da empresa que busque alternativas reais e a Europa que esperte dunha vez e protexa a súa industria antes de que sexa demasiado tarde", advirten.

Finalmente, avanza que os traballadores preparan un calendario de mobilizacións en defensa dos seus empregos e a viabilidade da planta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade