Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ferido de gravidade o condutor dun vehículo tras un brutal accidente entre Baiona e A Guarda

Ferido de gravidade o condutor dun vehículo tras un brutal accidente entre Baiona e A Guarda

Os bombeiros tiveron que cortar o coche para sacalo de dentro

O home viaxaba co fillo, que puido saír polo seu pé

O accidente aconteceu nun tramo perigoso limitado a 50 quilómetros por hora

G24.gal 18/08/2022 08:52 Última actualización 18/08/2022 12:25

O coche saíu da estrada e bateu contra un noiro. Despois envorcou e o condutor quedou atrapado no interior. O sistema automatizado de chamada de emerxencia disparou a alarma.

O home, de nacionalidade portuguesa, conducía un coche de gama alta, que quedou envorcado sobre o asfalto. Os bombeiros tiveron que cortar o coche para sacalo de dentro. O home viaxaba co fillo, que puido saír polo seu pé.  O accidente produciuse contra as tres e media da madrugada, segundo informa o 112.

A través do micrófono do coche escoitaban unha persoa queixarse e xa puxeron a traballar a Garda Civil, Policía Local de Baiona e os Bombeiros do Porriño. Ao pouco o pasaxeiro que viaxaba no mesmo coche chamou tamén para pedir axuda. 

"Para poder sacar a persoa do coche houbo que quitar a porta e parte da estrutura do teito, para poder chegar á vítima en condicións de seguridade e poder sacala causando o menor dano posible", di Roberto Domínguez, xefe da dotación do Consorcio contra os incendios de Pontevedra.

Os servizos sanitarios atenderon no lugar a condutor e levárono ao hospital. O coche quedou completamente desfeito. A zona onde se produciu o accidente coñécese como as curvas de Baredo.

É unha zona perigosa que está limitada a 50 e hai pouca iluminación. O bo estado do firme fai que os condutores se confíen e non teñan en conta a limitación. Os dous ocupantes do vehículo son cidadáns portugueses e posiblemente non coñezan ben este tramo de estrada onde os accidentes son frecuentes debido a excesos de velocidade.

Emerxencias de Galicia 112 foi que deu aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Porriño e aos de Vigo, ao GES de Val Miñor, á Garda Civil de Tráfico e a Policía Local de Baiona.

Unha vez liberado o home e enviado ao hospital, solicitouse a intervención dos servizos de mantemento da estrada, para restablecer o tráfico o máis axiña posible.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade