O acusado da morte dun matrimonio nun accidente na Coruña di que viu unha sombra e que bateu contra ela
O acusado da morte dun matrimonio nun accidente na Coruña di que viu unha sombra e que bateu contra ela
Asegurou que aquela tarde de Noiteboa de 2020 chovía moito e que el circulaba entre 50 e 60 km/h
O xuízo xa quedou visto para sentenza
O acusado de matar un matrimonio nun accidente de tráfico na Noiteboa de 2020 na Coruña declarou que no momento do sinistro chovía moito, que el circulaba a unha velocidade de entre 50 e 60 quilómetros por hora e que ía completamente atento á condución.
"Ía a miña moza e díxome: coidado! Eu vin como unha sombra e batín contra ela". "Iso é moi rápido. Saltaron todos os airbags e notei un pequeno movemento dentro do coche e xa me atopei con todo. Nese momento quedei en shock", declarou o investigado.
Unha testemuña asegurou que no momento do accidente había pouco tráfico e que a velocidade á que circulaba o procesado era "tremenda". Contou tamén que lle chamou a atención a actitude do acusado, que culpaba o matrimonio do sinistro mortal.
Os axentes que realizaron a inspección ocular indicaron que no lugar dos feitos non atoparon pegadas de freada e situaron en practicamente 125 quilómetros por hora a velocidade á que circulaba o vehículo do procesado fronte á escasa velocidade do automóbil das vítimas.
A Fiscalía acúsao dun dobre homicidio por imprudencia e pide para el 5 anos e medio de cadea. A acusación particular eleva a pena aos 15 anos e medio, e a defensa solicita a libre absolución. O xuízo quedou xa visto para sentenza.