Foxe tras arderlle o coche roubado co que tivo un accidente en Moaña
O vehículo provocou un pequeno incendio forestal tras caer por un barranco e bater cunha árbore
Os equipos de emerxencia temeron que puidese haber vítimas entre os ferros calcinados do turismo
A Garda Civil comprobou que roubaran o coche e buscan o condutor, que fuxiu do lugar
A Garda Civil xa está realizando pescudas sobre o estraño incidente que se produciu sobre as seis desta mañá nunha estrada local da parroquia moañesa de Meira. A esa hora os equipos de emerxencias recibían varias chamadas alertando dun pequeno incendio forestal que precisou da presenza dos bombeiros, xa que a unhas ducias de metros hai varias vivendas habitadas.
Ao lugar achegáronse, ademais, a Policía Local de Moaña e a Garda Civil de Tráfico, xa que cando tentaban apagar as lapas descubriron ao pé dun pequeno barranco, un turismo ardendo. Os efectivos temeron o peor, que houbese algunha vítima entre os ferros candentes do vehículo. Tras extinguir o lume e evitar que se espallase cara ás vivendas, púidose certificar que no coche non había ninguén.
Polas placas de matrícula, os axentes souberon que se trataba dun coche subtraído a un veciño de Vigo. A investigación presume que o ladrón, ou ladróns, sufriron o accidente nunha curva revirada e diante da imposibilidade de recuperar o coche, que empezou a arder, acabaron fuxindo do lugar. O suceso está xa baixo investigación.