Publicador de contidos

Publicador de contidos

Seis persoas quedan feridas en tres accidentes de tráfico ocorridos de madrugada

Seis persoas quedan feridas en tres accidentes de tráfico ocorridos de madrugada

Os sinistros rexistráronse nos concellos de Baños de Molgas, Redondela e Ordes

Unha muller tivo que ser excarcerada e evacuada polos servizos sanitarios

Un dos coches sinistrados en Redondela. Imaxe cedida polo GES de Mos Un dos coches sinistrados en Redondela. Imaxe cedida polo GES de Mos
G24.gal 05/04/2026 11:16 Última actualización 05/04/2026 12:19

Seis persoas quedaron feridas en tres accidentes de tráfico ocorridos a pasada madrugada en Baños de Molgas, Redondela e Ordes, segundo informa o 112.

En Vide, no concello de Baños de Molgas, un turismo foise da vía no quilómetro 0,7 da estrada OU-P-0000 e unha muller que quedou atrapada no interior tivo que ser excarcerada e evacuada polos servizos sanitarios.

O sistema de alerta do concesionario do vehículo foi o que lle comunicou o incidente á Axencia Galega de Emerxencias ao fío das 3:15 horas.

Choque no Viso

En Redondela, dúas persoas quedaron feridas, unha delas de consideración, tras bater dous coches no quilómetro 136 da N-550, na parroquia do Viso.

Un particular alertou ao 112 do choque durante un adiantamento sobre as 00:30 horas. De acordo coa súa versión, un dos coches deu varias voltas de campá e o outro envorcou e non se podían abrir as portas para sacar o condutor.

Os membros do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Mos informaron que finalmente puido saír polo seu propio pé. 

Tres persoas atendidas

No concello de Ordes, un vehículo bateu contra outro que estaba aparcado no quilómetro 1 da AC-409, en Mercurín. Tres persoas tiveron que ser atendidas polos servizos sanitarios. Ocorreu sobre as 1:15 horas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade