Falece un motorista nun accidente múltiple en Vigo
A vítima, de 58 anos, era natural de Baiona
No sinistro víronse implicados unha motocicleta e dous coches
Morreu en Vigo un motorista de 58 anos, natural de Baiona, nun accidente múltiple no que se viron implicados dous coches. Foi na estrada de Camposancos, en San Miguel de Oia, Vigo. Segundo as primeiras investigacións, un dos vehículos invadiu o carril polo que circulaba a moto. Ata seis persoas tiveron que ser trasladadas ao hospital. Tres delas en estado grave.
Aconteceu na estrada PO-552. O home falecido circulaba coa súa motocicleta en dirección Nigrán, cando por causas que se descoñecen, un coche que se dirixía á cidade olívica, invadiu o seu carril, atropelou a moto, o vehículo que circulaba detrás e, finalmente, bateu contra o cerrado de ladrillos dunha casa.
Os bombeiros de Vigo tiveron que liberar un dos ocupantes do vehículo que invadiu o carril contrario, nel viaxaban catro persoas, todas elas resultaron feridas, tres delas de gravidade. Os dous ocupantes do outro coche implicado resultaron feridos leves.
Todos os feridos foron evacuados en varias ambulancias aos hospitais Álvaro Cunqueiro e Povisa de Vigo.
A vía permaneceu cortada en ambos os dous sentidos durante máis de tres horas.