Falece o xornalista Luís Rial, figura histórica pola súa traxectoria nas ondas
Rial foi o profesional de máis idade en activo co seu programa diario nocturno Estamos contigo
O seu labor xornalístico foi recoñecido con diversos galardóns, como o Premio de Xornalismo de Galicia ou a Medalla de Bronce de Galicia
O falecemento do xornalista Luís Rial Suárez (Santiago de Compostela, 1942) coñecido este domingo, causou un fondo pesar na cidade de Santiago de Compostela, á que estivo moi vinculado grazas á información radiofónica, á axuda social e ao mundo empresarial.
Luís Rial foi o profesional en activo con máis idade nas ondas, co programa diario nocturno e de longa duración Estamos contigo, en Radio Obradoiro, co que realizaba un importante labor social tentando axudar as persoas máis necesitadas.
Máis de 50 anos de xornalismo radiofónico e das súas vivencias, sempre cun micrófono na man, quedan reflectidos no libro A Radio de Rial (Javier García). Pertenceu a diversas cadeas radiofónicas, formou parte do equipo da SER en Radio Galicia durante os anos 60, Radio Cadena Española, Radio Nacional de España, Radio Galega dende a súa inauguración e Radio Obradoiro ata a súa cancelación.
Rial percorreu Galicia enteira dando a coñecer as súas festas e romarías, pronunciando máis de medio centenar de pregóns. Tamén dirixiu e presentou un programa de sucesos polo que lle foi concedido o Premio de Xornalismo de Galicia.
Realizou programas dirixidos á emigración, como Volta galega a España e Volta galega a Europa, percorrendo os centros galegos existentes. Tamén promoveu e dirixiu o programa radiofónico Festa do amor, a través do que casaron numerosas parellas de noivos.
Foi membro do Colexio de Xornalistas de Galicia e da Federación de Profesionais da Radio e Televisión de España. Entre os galardóns que recibiu ao longo da súa traxectoria, están o Premio á Galeguidade (1987), o Premio de Xornalismo de FEXDEGA (1989), o Premio Álvaro Cunqueiro de xornalismo gastronómico (1999) e a Medalla de Bronce de Galicia (2003).