Falece o empresario Magín Froiz, fundador da cadea de supermercados galega
A súa empresa é unhas das vinte máis importantes do sector agroalimentario
Conta con 336 puntos de venda e cun cadro de persoal de 6.200 traballadores

O empresario Magín Froiz, propietario e fundador do grupo galego de alimentación Distribuciones Froiz, faleceu en Pontevedra aos 78 anos de idade.
Froiz estivo á fronte da compañía ata o último momento, e permanecía ingresado no hospital Montecelo de Pontevedra en tratamento dunha enfermidade que padecía desde hai tempo.
Natural de Barbastro (Huesca) e residente desde moi novo en Poio (Pontevedra), fundou en 1968 a empresa que leva o seu nome, unha das primeiras vinte máis importantes do sector agroalimentario con 336 puntos de venda en España e Portugal, e cun cadro de persoal de 6.200 traballadores.
Traxectoria profesional
Fillo de pai galego, pertenceu a unha familia cunha longa tradición gandeira que rexentou durante anos un posto de carnicería na praza de abastos de Pontevedra.
Despois de rematar os estudos de bacharelato, comeza a traballar nunha carnicería dun pequeno supermercado situado en Pontevedra. Con 24 anos faise cargo do traspaso dese establecemento que empregaba a unha ducia de traballadores.
Dez anos despois, en 1979, abriu o seu segundo supermercado, e en 1990 construíu un almacén loxístico en Poio, sede actual da empresa. A partir de entón o negocio medra de xeito imparable.
Premios e recoñecementos
En 2017 foi distinguido coa Medalla de Ouro ao mérito no Traballo. Os seus achegados salientan a súa calidade humana e a súa xenerosidade.
Foi un home comprometido con diferentes entidades de índole social e deportiva, especialmente das relacionadas co ciclismo e coa vela, disciplinas das que era un apaixonado.