Falece Magar, fotógrafo que deixa un dos maiores fondos de imaxes de Vigo
Manuel García Castro, 'Magar', estivo ligado ao xornal Faro de Vigo desde os anos 60 ata a súa xubilación, no ano 2000

O fotógrafo Manuel García Castro, 'Magar', faleceu en Vigo aos 88 anos e deixa un dos maiores fondos de imaxes da cidade e de Galicia.
Nacido en Ciudad Rodrigo (Salamanca) en novembro de 1935, chegou con cinco anos a Vigo e retratou a cidade e a comunidade autónoma desde principios dos sesenta ata que se retirou no ano 2000, ligado profesionalmente a Faro de Vigo.
Adiós a Magar, la memoria gráfica de Galicia
— Faro de Vigo (@Farodevigo) August 2, 2024
📌 El histórico fotógrafo de FARO retrató como nadie el crecimiento de Vigo durante la segunda mitad del siglo XX
✍️ @Garcio72
🔗 https://t.co/uZpjJI92D0https://t.co/uZpjJI92D0
Tamén publicou libros con parte do seu traballo, como a triloxía editada por Xerais: Vigo por Magar. 40 anos en branco e negro; Vigo por Magar II. Instantáneas e retratos da vida viguesa (1960-2004) e Vigo por Magar III. Novas instantáneas e retratos da vida viguesa (1960-2007).

En 1996 foi recoñecido como Vigués Distinguido, tamén recibiu a insignia de ouro do Celta e en abril de 2002 a súa familia impulsou a Fundación Magar, co obxectivo primordial contribuír á investigación para a consecución dun tratamento para a acondroplasia.
Esa entidade conta co principal arquivo gráfico local do último medio século e promove a investigación para chegar á erradicación do comunmente chamado ananismo, un problema que afecta máis de sete millóns de persoas en todo o mundo, tal e como explica na súa páxina web.
