O persoal Wonderland da retratista Annie Leibovitz recibe os primeiros visitantes
A fundación MOP presenta a primeira retrospectiva en España dedicada á icónica fotógrafa estadounidense
A mostra estará no peirao de batería, nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña, ata o 1 de maio de 2026
Durante os próximos cinco meses miles de persoas mergullaranse en Wonderland, a exposición coa que a fundación Marta Ortega repasa os máis de cincuenta anos de traxectoria da fotógrafa estadounidense Annie Leibovitz.
Trátase da primeira gran retrospectiva en España da que quizais é a retratista máis influente do noso tempo, que leva medio século observando e interpretando o mundo a través da cámara.
A súa mirada dirixe este paseo por un universo creativo complexo que nos recibe en branco e negro, coas imaxes da xira estadounidense dos Rolling Stones de 1975, para logo mergullarnos nas cores intensas da alta costura.
"É un imperio fotográfico marabilloso cunha posta en escena estupenda", comenta un dos primeiros visitantes. "Isto é o que moitos agardamos no outono, a exposición da Fundación MOP, porque sempre sorprende", explica outro.
Artistas, escritores, políticos, actores, deportistas... Todos están no persoal Wonderland de Annie Leibovitz, que explora os códigos da fotógrafa nos seus diferentes estilos.
"Hai que vela con moita calma para poder apreciala, ou facer unha visita guiada", di unha muller encantada con esta e coas anteriores propostas expositivas da Fundación Marta Ortega.
"É unha sorte poder estar aquí, neste espazo, con esta calidade e ademais aberto ao público de balde", engade outro asistente.
O rutilante universo fotográfico de Annie Leibovitz estará no peirao de batería da Coruña ata o 1 de maio.