Abre este sábado na Coruña a mostra dedicada ao fotógrafo David Sims
O universo creativo de Sims poderá visitarse ata maio nas instalacións da Fundación MOP da cidade herculina
Un artista internacional que chega a Galicia sorprendido polo apoio ao mundo da fotografía. Unha mostra que converte A Coruña en punto de referencia en todo o mundo.
"É moi importante o apoio que me deu a Fundación MOP para poder levar adiante este experimento", asegura o fotógrafo, David Sims.
Adentrarse no mundo creativo de David Sims é facer un percorrido polos últimos 30 anos da cultura visual. Os grandes mitos dunha xeración e a súa aposta por presentar unha muller con trazos masculinos.
Daquelas primeiras fotografías realizadas na época do instituto ata as grandes editoriais de moda que levaron a David Sims á cima do éxito."Plasma o que defino como imaxes do noso tempo. Usa a plataforma da moda para facer chegar esas historias", explica Charlotte Cotton, Comisaria da exposición.
Unha mostra fresca e divertida que se poderá visitar no peirao de Batería da Coruña ata o próximo mes de maio.