Vitoria do Baxi ante o Gernika e derrota do Ensino en Badalona
O Baxi decidiu cun parcial 13-1 nos últimos tres minutos
Ao Ensino penalizouno o seu último cuarto
Na liga feminina, triunfo 'in extremis' do Baxi Ferrol ante o Gernika e derrota do Ensino na súa visita a Badalona.
As de Ferrol deixáronnos un partido igualado ata os últimos tres minutos e medio. Nese intre o marcador sinalaba un 58 a 56 para elas. Pero, a partir de aí, chegou a mellor versión das de Lino López. Sólidas en defensa e fluídas en ataque. En especial Joiner, autora de sete puntos neses intres finais. O Baxi asinou un parcial de 13-1 e pechou o encontro cun 71-57 que non reflicte a estreitez do partido.
Ao Ensino pesoulle unha primeira metade na que acabou sete puntos abaixo. No terceiro cuarto dominou. Levouno por 13-20, pero as locais volveron facerse fortes no último acto e as luguesas acabaron caendo nos últimos minutos por 69 a 63. Con seis vitorias as de Lugo son sextas.