Publicador de contidos

Publicador de contidos

O alcalde de Ourense anuncia a restrición dos fotógrafos na toma de imaxes nos plenos

O alcalde de Ourense anuncia a restrición dos fotógrafos na toma de imaxes nos plenos

O incidente que levou a esta decisión foi a fotografía de Gonzalo Pérez Jácome botando as mans á cara, quen acusou o fotoxornalista de levar preto de “vinte minutos enfocándome para ver se pilla unha foto", coma se fose "un paparazzi"

A Asociación Profesional de Fotoxornalistas de Galicia e a Asociación de Xornalistas de Galicia denunciaron "os ataques" por parte do rexedor ao fotógrafo Xesús Fariñas

O PSdeG di que  é "un comportamento impropio de calquera cargo público", e o PP lembra o dereito á "liberdade de prensa e información"

Imaxe de arquivo de Gonzalo Pérez Jácome (EUROPAPRESS) Imaxe de arquivo de Gonzalo Pérez Jácome (EUROPAPRESS)
G24.gal 26/11/2025 13:12

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, volve protagonizar unha nova polémica tras anunciar que os fotógrafos dos medios de comunicación tan só poderán tomar imaxes durante "os primeiros cinco minutos" nos plenos municipais.

"O Concello de Ourense regulará a toma de imaxes e fotos externas dos medios de comunicación, centrándoa nos primeiros cinco minutos de cada sesión plenaria, avisou este mércores o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome.

O sinal de audio e vídeo seguirá facilitándose ademais pola canle habitual do Concello - Vimeo-; tal e como difunde o gabinete de prensa nun escrito enviado aos medios de comunicación.

O incidente que levou a esta decisión produciuse no último pleno celebrado esta mesma semana durante un debate no punto en que se expuña por parte do executivo local a compra de autobuses, proposta que foi rexeitada polo resto de grupos da corporación.

Nunha imaxe posteriormente publicada vese ao rexedor ourensán botándose as mans á cara e, na propia sesión, o primeiro edil acusou o fotógrafo autor desta toma de levar preto de “vinte minutos enfocándome para ver se pilla unha foto", coma se fose "un paparazzi".

"A pinga que colmou o vaso (e destapou a barra libre que non podía permitirse), verteuna onte un fotógrafo de La Región, que enfocou durante trinta minutos seguidos o alcalde de Ourense, servidor, para acabar publicando o que ven na foto inferior. Fotos así non achegan información noticiosa e só buscan a descontextualización dun xesto ou aceno", expuxo Pérez Jácome, unha vez se viu nese diario.

Chegou a cualificar o ocorrido como "un tipo de acoso" que afecta a "normal actuación" dun político durante un pleno municipal.

Na sesión ironizou con iso, ao espetar: "Ao final imos ter que facer como nas actuacións musicais, tres minutos e logo, para a casa, enfoca a outro".

Fotografía Fotografía "que colmou o vaso" para esta decisión do fotógrafo Xesús Fariñas, de 'La Región'

Colectivos como a Asociación Profesional de Fotoxornalistas de Galicia e a Asociación de Xornalistas de Galicia denunciaron "os ataques" por parte do rexedor a este fotoxornalista, os cales fixeron extensivo a todo o oficio.

Fotógrafos galegos criticaron ademais que o alcalde utilizase o termo "paparazzi" para referirse ao compañeiro, "con clara intención de desprezo", máxime cando "non se corresponde en ningún caso coa función" que desempeñan estes traballadores.

Para o grupo socialista, o ocorrido é "un comportamento impropio de calquera cargo público e directamente incompatible coa máxima autoridade da cidade", expón esta organización nun comunicado. O propio BNG criticou a súa actitude no pleno.

O PP, no seu posicionamento, lembrou o dereito á "liberdade de prensa e información", considerando “gravísimo” que o máximo responsable do goberno municipal siga utilizando as institucións para tentar "controlar" o que se ve nos plenos municipais. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade