Falece en Madrid aos 72 anos o artista plástico pontevedrés José Freixanes
A súa obra chegou a lugares como o Centro Galego de Arte Contemporánea, Afundación, o Museo Reina Sofía, o Museo de Arte Contemporánea de Madrid ou o Círculo de Belas Artes de Madrid
Era irmán do escritor e editor Víctor F. Freixanes, ex presidente da RAG
Foto de José Freixanes realizada por José Luiz Oubiña, cedida por Diario de Pontevedra
O artista José Freixanes faleceu este mércores en Madrid aos 72 anos de idade. O pintor, un dos creadores máis destacados da vangarda plástica galega, iniciou a súa carreira vinculado ao Grupo Atlántica, o colectivo que a comezos dos anos 80 lle deu un novo pulo e proxección á escena plástica galega, reivindicando unha ollada propia e abríndoa ao mesmo tempo ás correntes internacionais.
Ao longo de case cinco décadas foi construíndo unha singular linguaxe de seu, entre a abstracción e a figuración, coa que escribiu un discurso artístico adoito trazado coas marcas do primitivismo, a memoria, a historia e as viaxes que foron definindo a súa traxectoria vital e creativa.
A súa obra forma parte dalgunhas das principais coleccións de arte galegas, estatais e internacionais, como o Centro Galego de Arte Contemporánea, Afundación, o Museo Reina Sofía, o Museo de Arte Contemporánea de Madrid, o Círculo de Belas Artes de Madrid, o Museo de Arte Contemporánea do País Vasco, JPMorgan Chase Bank ou UBS. Ten exposto individualmente en galerías de París e Viena.
Foi profesor da Facultade de Belas Artes de Granada e formou parte da comisión de plástica do Consello da Cultura Galega que promoveu a creación Centro Galego de Arte Contemporánea.
José Freixanes naceu e medrou en Pontevedra. Irmán do escritor e editor Víctor F. Freixanes, naqueles primeiros anos de mocidade e en plena ditatura agromaron as súas inquedanzas artísticas e intelectuais, que o levaron a formarse primeiro na Facultade de Belas Artes de Bilbao e despois na de Madrid, onde fixou a súa residencia a finais dos anos 80.
A pegada do mundo oriental
Pasou ademais longas tempadas en Marrocos ou na India, de onde son os seus fillos. Desde a súa primeira viaxe a aquel país, no ano 1995, o mundo oriental deixaría unha fonda pegada no seu universo. Na súa última exposición en Galicia, Fíos, que puido verse en 2023 na Galería Trinta de Santiago de Compostela, volveu tender unha ponte entre occidente e oriente, e integrou tamén unha vez máis técnicas artesanais.
“Eu penso que a arte e a artesanía son igual de importantes”, defendía.
O efémero tamén foi obxecto do seu interese, con instalacións como Cartografía do tempo, na igrexa de San Domingos de Bonaval; 72 silencios, na XXX Bienal de Pontevedra; Al final del amanecer, exposta na catedral de Casablanca; Voces de basalto negro, para o centro cultural Asaad Basha de Damasco (Siria), un antiguo mercado otomano do século XVIII; ou Un momento de felicidad, na Vila des Arts de Rabat. Nos anos 90 cultivou ademais a ilustración para as cabeceiras La Voz de Galicia e El Correo Gallego.