Falece o actor galego Gonzalo Rei Chao, da serie 'Padre Casares'
Encarnou o padre Crisanto na serie de televisión Padre Casares e foi a voz en galego do Mestre Mutenroi da serie de animación Dragon Ball Z
O actor interpretou o don Crisanto na serie de TVG 'Padre Casares' (TVG)
O actor galego Gonzalo Rei Chao faleceu este martes en Ourense, segundo informou a Academia Galega do Audiovisual.
Lamentamos o pasamento de Gonzalo Rei Chao, actor de televisión, cinema, dobraxe e teatro. Foi Padre Crisanto en 'Padre Casares' e voz galega do Mestre Mutenroi en 'Dragon Ball Z', ademais de participar en numerosas series, filmes e proxectos de dobraxe. O noso pésame. 🤍 pic.twitter.com/sii1xCkIE8
— Academia Galega do Audiovisual (@AcademiaGalegaA) February 10, 2026
Nunha mensaxe nas redes sociais, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) lamenta o falecemento do actor de televisión, cinema, dobraxe e teatro, á vez que transmite o pésame á súa familia e amizades.
"O mítico padre Crisanto na serie de televisión Padre Casares e voz en galego do non menos mítico Mestre Mutenroi da serie de animación Dragon Ball Z", sinala a asociación de actores galegos.
Tamén nunha mensaxe na súa conta da rede social X, a entidade de xestión de dereitos de propiedade intelectual de artistas e intérpretes (AISGE) dá conta do falecemento de Rei Chao e destaca que "en Galicia coñéceno ben por series como Padre Casares, Valderrei ou Terra de Miranda".
Así mesmo, indica que tamén actuou sobre o escenario e no cinema e que como dobrador puxo voz a personaxes de animación.
Rei Chao era tamén coñecido polo seu papel en Mareas Vivas e a súa interpretación na longametraxe A praia dos afogados, baseada na novela do escritor vigués Domingo Villar.