Falece aos 52 anos Seve Novas, un referente no mundo das rondallas
O gaiteiro do Hío estaba moi implicado na vida cultural do Porriño, onde vivía dende hai anos
Seve Novas durante unha entrevista na TVG no 2020
O gaiteiro Severino Novas Valladares, fundador e director da rondalla Santa María do Porriño, faleceu por mor dunha grave enfermidade aos 52 anos.
Considerado un refente no mundo das rondallas, participou enriba do escenario e tamén como xurado nalgúns dos principais certames desta modalidade.
"Dende a federacion de rondallas da AMV queremos transmitir o noso pésame a todos os membros da rondalla de Santa María do Porriño así como a familia do seu director Seve, o cal nos acaba de deixar esta pasada noite. Alí onde esteas seguro que seguirás velando por todos", aseguraba nas redes a federación de rondallas da área metropolitana de Vigo.
Máis coñecido como Seve, o Festival de Cans tamén lamenta o seu pasamento, xa que estaba moi implicado no certame dende as primeiras edicións.
"Estamos moi apenados porque non contabamos con despedir tan novo a Seve, o noso peixeiro-gaiteiro, que formaba parte da paisaxe emocional do noso festival", publicaba en Facebook.
Natural de Vilariño, no Hío, foi concelleiro de Deportes polo BNG no Goberno cuadripartito de Cangas, presidido por Euloxio López (1995/99).
Dende hai anos, rexentaba un posto de venda de peixe no Porriño, onde participaba de xeito moi activo na vida cultural do concello.