Publicador de contidos

Publicador de contidos

Falece aos 82 anos Manuel Lourenzo, dramaturgo, actor e director teatral

Falece aos 82 anos Manuel Lourenzo, dramaturgo, actor e director teatral

Premio Nacional de Literatura dramática en 1997 pola obra Veladas inocentes

Premio Nacional das Artes Escénicas no ano 2008. Premio de Honra da Academia do Audiovisual Fernándo Rey-Mestre Mateo-2021.

En 2024 recibiu o Premio da Cultura Galega

 

Manuel Lorenzo nunha imaxe de arquivo
G24.gal 10/08/2025 11:05 Última actualización 10/08/2025 14:18

Manuel Lourenzo, premio Nacional de Literatura dramática e das Artes Escénicas, faleceu na madrugada deste domingo na cidade da Coruña, onde residía. O seu corpo vai ser velado no tanatorio Servisa e incinerado posteriormente na intimidade familiar.

Manuel Lourenzo, unha figura esencial do teatro galego, naceu en Ferreira do Valadouro en 1943. Licenciouse en interpretación no Institut de Teatre de Barcelona. Incorporouse ao mundo do teatro en Galicia nos anos 1960. Foi o grande impulsor do movemento teatral galego, fundou o Grupo de Teatro Circo e a Compañía Teatral Luis Seoane en 1967 e 1980 respectivamente, entre outros moitos. Ademais foi cofundador en 1978 da Escola Dramática Galega.

Dramaturgo, actor, director teatral, ensaísta, tradutor e dinamizador cultural, Manuel Lourenzo destacou pola súa extensa obra teatral. Entre as súas obras están 150 obras dramáticas e catro ensaios sobre o teatro galego. Foi responsable do Departamento de Dramáticas da Escola Dramática Galega, escribiu a súa primeira obra en 1960, O moucho, e dirixiu o seu primeiro espectáculo teatral en 1965, O cabalo do cabaleiro, de Carlos Muñiz, tal e como recolle a páxina web do Ministerio de Cultura.

Coa creación do grupo teatral O Facho, en 1965, iniciou a súa dedicación ao teatro, que compaxinou durante algúns anos co exercicio da profesión de mestre, e foi fundador do grupo Teatro Circo, primeiro grupo teatral galego independente.

Traduciu pezas dos clásicos gregos e de autores como Goethe, Büchener, Fassbinder, Heiner Müller, de dramaturgos como Sófocles, Eurípides, Puschkin, Chekov, Strindberg, Brecht, Genet, e de autores galegos como Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Álvaro Cunqueiro ou Otero Pedrayo.

Como dramaturgo foi autor de obras como Veladas indecentes (1997), O circo de medianoite (1997), Flores de Dunsinane (2009) ou Suite Artabria (2017).

Premios

Recibiu o Premio Nacional de Literatura dramática en 1997 pola obra Veladas Inocentes e o Premio Nacional das Artes Escénicas no ano 2008.

No ano 2021 recibiu o premio de Honra da Academia do Audiovisual Fernando Rey durante a Gala dos Premios Mestre Mateo. En 2024 recibiu o Premio da Cultura Galega.

Manuel Lourenzo tamén era coñecido para o gran público polos seus traballos como actor, fixo máis de 15 series e películas. Traballou en series como Mareas Vivas, de Televisión de Galicia, onde facía o papel de Melgacho; en Fariña, de Antena 3, na que interpretaba a Vicente Otero, Terito, ou en Entre bateas. Tamén actuou nos filmes O lapis do carpinteiro e Os mortos van á presa.

Reaccións á súa morte

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou nas redes sociais que a cultura galega "perde un referente inesquecible" co falecemento de Lourenzo, á vez que traslada o seu pésame á familia, amistades e a quen tivo "a sorte" de traballar con el.

A Mesa pola Normalización considerouno "referencia e exemplo de compromiso coa lingua e a cultura" de Galicia.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, lamentou esta "gran perda para o teatro e a cultura" galegas.

O BNG lamentou a morte desta "figura central do teatro e audiovisual galegos, dramaturgo, voz recoñecida e comprometida coa lingua e a cultura".

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, que o recoñeceu co Xograr de Outono en 2018, lembrou a Lourenzo por "toda unha vida dedicada" ao teatro.

A Deputación de Lugo tamén expresou "tristeza" pola morte do actor e dramaturgo que faleceu na Coruña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade