Adeus a medio século da historia política de Galicia
Compañeiros de partido, pero tamén rivais políticos, gaban a traxectoria de Xosé Manuel Beiras, referente do nacionalismo galego
Sucédense as reaccións políticas tras a morte de Xosé Manuel Beiras aos 90 anos de idade. Compañeiros, amigos e tamén rivais políticos gaban a traxectoria dunha figura imprescindible da historia política de Galicia.
Anova, a formación que fundou e impulsou en 2012 cando se escindiu do BNG, asegurou que Beiras "tivo mil vidas e, en cada unha delas deixou unha profunda pegada, non só en quen o rodeaba, senón en todo un país".
Lémbrano como "desobediente e eterno", antes de lamentar: "O noso camarada e irmán deixounos esta noite máis orfos" e despedirse do quen foi o fundador desta agrupación cun: "Descansa, Xosé Manuel, que seguimos nós".
O portavoz nacional desta formación e exalcalde de Santiago por Compostela Aberta, Martiño Noriega, lembrou cariñosamente a Beiras, cunha foto de ambos os abrazados e a frase "polos camiños da nosa historia marcha paseniño o noso Comandante sen exército para unha revolución".
Polos rueiros da nosa historia marcha paseniño o noso Comandante sen exército para unha revolución. XM Beiras (6 Abril 1936- 8 Outubro 2026) 📷 Aigi Boga https://t.co/7VatQLxBRM
— Martiño Noriega (@martinhonoriega) October 8, 2026
O BNG, partido no que militou durante trinta anos, lamenta profundamente o pasamento de Xosé Manuel Beiras, "figura fundamental da historia do nacionalismo galego". Nas súas redes sociais, a organización frontista lembra o importante papel de quen foi o seu voceiro nacional e portavoz parlamentario durante vinte anos.
A portavoz nacional do BNG Ana Pontón sinalou que Beiras deixa unha gran pegada en varias xeracións de galegos e galegas.
Mensaxes de pesar e respecto do presidente da Xunta e o líder dos socialistas galegos
O falecemento de Xosé Manuel Beiras está provocando unha cascada de reaccións entre a clase política galega. O presidente da Xunta e presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, enviou as súas condolencias á súa familia e amigos. Segundo dixo, "o nacionalismo galego perde, sen dúbida, un referente".
"Con independencia das diferenzas ideolóxicas que, evidentemente, hóuboas e moi grandes, sen dúbida foi unha figura política de primeira orde", engadiu Rueda.
Tamén os expresidentes da Xunta, os socialistas Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe, recordaron este xoves a figura de Xosé Manuel Beiras, e fixérono en clave política e tamén persoal, dado que os dous mantiveron foron discípulos académicos seus e mantiveron con el unha estreita relación de moitos anos.
"Un grande amigo, e unha escelente persoa", resumía González Laxe, recordando a Beiras, de quen dixo que era "un gran defensor das ideas, dun país en progreso e sempre aglutinando, concertando ao redor del, a persoas que quixeran traballar arreo a favor do país".
"Quedo con ese profesor do que recibín as miñas primeiras clases de economía e que me levou a participar no PSG e a soñar cunha Galicia autonómica, moderna e democrática", concluíu González Laxe.
Pérez Touriño definiu a súa figura como "transversal, complexa, poliédrica", de quen destaca "o seu liderado intelectual e político como referente máximo do nacionalismo galego".
"É difícil atopar alguén que tivera a Galicia máis dentro de si mesmo", dicía Emilio Pérez Touriño, quen o recordaba como mestre e director da súa tese doutoral. "Somos traxectorias moi distanciadas, pero moi cercanas no intelectual, no pensamento en clave de Galicia e no amor ao país", asegurou.
Pedro Sánchez di que Galicia perde unha voz propia
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, fixo pública tamén unha mensaxe de pesar en X, onde asegura que "Galicia perde unha voz propia, firme e profundamente comprometida coa súa terra".
Hoy nos deja Xosé Manuel Beiras. Galicia pierde una voz propia, firme y profundamente comprometida con su tierra. Su defensa de Galicia, de su lengua y de su cultura forma parte ya de nuestra historia. Todo mi cariño y mi pesar a su familia, amigos y a toda la sociedad gallega.
— Pedro Sánchez (@sanchezcastejon) October 8, 2026
A alcaldesa de Santiago propoñerá a concesión a Beiras da Medalla de Ouro da cidade
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, propoñerá a concesión da Medalla de Ouro da cidade a Xosé Manuel Beiras.
Para ela foi, sen dúbida, "un dos bos e xenerosos" e Compostela perde a unha persoa á que sempre lembrará e que deixou a súa pegada en Galicia enteira, sinalou nun comunicado.
No mesmo, explica que calquera faceta da súa vida, xa sexa política, académica ou cultural, ten fondas raíces na capital galega, e é por iso que trasladará a súa proposta á comisión de condecoracións.