Fairway, o Fórum do Camiño de Santiago reúne centos de participantes
Esta feira reúne en Compostela, co apoio da Xunta, profesionais do Camiño na antesala do Xacobeo 2027
Participan máis de 70 expositores, máis de 200 marcas vencelladas ao Camiño e máis de 40 operadores turísticos, tamén de fóra de Galicia
Celébrase desde este domingo ata o martes 11 de novembro
Santiago de Compostela acolle na Cidade da Cultura unha nova edición da feira Fairway, Fórum do Camiño de Santiago, que reúne, co apoio da Xunta, profesionais do Camiño na antesala do Xacobeo.
Na inauguración participaron entre outros o director de Turismo de Galicia, o deputado delegado dos Camiños de Santiago na Deputación da Coruña, a alcaldesa de Santiago e os tres codirectores do Fairway. Esta é a sexta edición desta feira bianual que se celebra desde este domingo ata o vindeiro martes.
É unha mestura de todas as experiencias que achega o Camiño de Santiago. Nesta feira participan máis de 70 expositores, máis de 200 marcas vencelladas ao Camiño e máis de 40 operadores turísticos, tamén de fóra de Galicia.
"Vimos de Asturias, somos unha asociación de amigos do Camiño de Santiago"
"É a primeira vez que vimos a esta expo, e a facer contactos e coñecer", din algúns dos visitantes e participantes.
Esta xornada de domingo está dirixida ao público en xeral, con actividades variadas como obradoiros e catas gastronómicas.
"Un pracer seguir coñecendo rutas e facelas cando teño tempo libre. Hai un interese persoal e profesional. Paréceme unha marabilla de feira, e agora con esta degustación tamén. A miña empresa é de gastronomía e relacionada co turismo, así que probando tamén estas actividades culturais e gastronómicas de Galicia", di outra visitante.
Centos de persoas pasaron xa por esta feira Fairway, que xa chegou á súa sexta edición.
"Vimos de Guimarães e estamos aquí como un espazo de promoción dos camiños a Santiago desde Portugal"
"Na Deputación de Huelva estamos promocionando os dous camiños que percorren a nosa provincia cara a Santiago, desde Huelva o camiño sur, e o segundo é o camiño do Rocío, que é de ida e volta, do Rocío a Santiago e de Santiago ao Rocío", din outros participantes
Esta experiencia reúne, co apoio da Xunta, numerosos profesionais ata o 11 de novembro.