Fai xeados co leite da súa granxa que logo vende preto do Camiño de Santiago
Peregrinos e visitantes valoran o doce, que aprecian especialmente ao estar elaborado sen aditivos e con froitas naturais
O xerente do negocio destaca que ao estar preto da ruta xacobea optou por situar postos de venda en lugares emblemáticos
Portomarín, en pleno Camiño de Santiago, é un dos lugares onde se venden os xeados que a familia de Manuel elabora co leite das súas vacas. Peregrinos e visitantes son os mellores embaixadores deste doce.
Asegura unha visitante que "son un pracer", outra que "vén ben xa sexa en inverno ou verán" e unha terceira destaca que se aprecia que son naturais "na calidade e nas cores"
Con máis de corenta sabores, os xeados saen dun pequeno obradoiro situado nas Seixas, no Concello lucense de Taboada.
"Estamos nunha localización privilexiada, respecto ao Camiño de Santiago e a Ribeira Sacra. Conseguimos facer un xeado co noso leite, con produtos naturais, da zona", indica Manuel Arias.
Para degustalos non hai máis que seguir calquera dos trazados do Camiño de Santiago.