Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ibai Llanos, os reis de Bélxica ou un granxeiro belga en tractor, peregrinos curiosos no Camiño

Ibai Llanos, os reis de Bélxica ou un granxeiro belga en tractor, peregrinos curiosos no Camiño

O pasado ano bateuse o récord de chegada de peregrinos a Compostela

Un granxeiro xubilado fixo o Camiño desde Bélxica en tractor

Ibai LLanos e a cantante Rosalía tamén chegaron a pé a Compostela

G24.gal 08/08/2025 13:32

O ano pasado houbo número récord de peregrinos que chegaron a Compostela. Medio millón de persoas decidiron facer o Camiño. Máis da metade recoñecen que inician a ruta como unha experiencia cultural. Sobran os motivos para facer o percorrido das frechas amarelas, unha ruta que, ao longo dos últimos anos, deixounos ver perfís de todo tipo.

Detrás de cada Camiño hai máis que unha historia. Ás veces de persoeiros famosos e, outras de xente anónima que chega a Galicia escribindo un capítulo vital para a lembranza.

En tractor desde Bélxica, para abrazar o Apóstolo despois de superar un cancro de ril. Cen quilómetros ao día por estradas secundarias fixo un granxeiro xubilado belga.

Belgas tamén, e tamén peregrinos, dos que repiten, son a familia real de Bélxica, que levan facendo o Camiño a treitos desde hai anos.

Moitos anos hai xa, máis de vinte, que chegou a Compostela un grupo de canarios que facían o Camiño acompañados de sete dromedarios. En dromedario ou en bicicleta adaptada, como un noruegués, que, co lado esquerdo paralizado, pedaleou máis de seis mil quilómetros.

En número de quilómetros, Ibai Llanos fixo menos pero, en número de seguidores que o foron recibir ao Obradoiro, por aí andaría a cousa. Algo máis discreta foi na súa peregrinación a Santiago, a cantante Rosalía.

Imposible a discreción ou pasar inadvertido se a túa familia consta de quince membros que deciden facer o Camiño xuntos. En equipo son tamén moitos os influencers que camiñan a Compostela e contan o percorrido en redes sociais, cada vez, máis.

Divulgar a ruta Xacobea e demostrar que é un sendeiro sen limitacións, ou que serve para superar as adversidades e dar visibilidade a algunhas enfermidades é tamén un papel capital da viaxe por tramos ata Santiago. Silvia, con esclerose múltiple, fixo o Camiño co seu fillo, deportista. Na viaxe, recadaron cartos para a investigación médica. Luís Cañas, con noventa e tres anos, facía, acompañado do seu fillo, o seu Camiño número cinco.

Moitos repiten, outros fan a ruta a Galicia por vez primeira e, ademais de estrear percorrido e experiencia, deciden estrear medio de transporte. Un chimpín, ou un tractor arrastrando unha caravana. A idea parecía boa, pero unha parella, de oitenta e catro e setenta e catro anos acabou tendo algunha dificultade administrativa para regresar co seu vehículo a Suíza.

Historias famosas no Camiño ou famosos que elixen a peregrinación a Compostela atopámolas sempre e, como o Camiño perdura, seguirá sendo unha ruta de inspiración e atracción múltiple, realmente será así, seguro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade