Preto de 100 galegos do exterior coñecen a súa terra de orixe a través do Camiño
O programa 'Conecta con Galicia no Camiño' permite que a mocidade galega do exterior descubra as súas raíces
Os participantes son mozos de entre 18 e 21, procedentes de 6 países diferentes
O Brasil, O Uruguay, A Arxentina, Venezuela, Costa Rica e México. Estes son os lugares de procedencia dos preto de 100 galegos do exterior que participan no programa 'Conecta con Galicia no Camiño'. Son mozos de entre 18 e 21 anos que se atopan agora mesmo descubrindo e gozando da súa terra de orixe.
"É incrible porque lle dan a oportunidade a mozos coma min, e coma todo o grupo que vén, de coñecer e de interesarse por unha cultura que, ao final, é parte da súa historia. Todos vimos dalgún lado e isto conta de onde vimos nós", conta un dos rapaces.
"Poder saber que estou na terra na que, nalgún momento, o meu avó viviu, é algo impresionante", asegura outro mozo.
Xunto a outro tipo de actividades, o Camiño de Santiago é a base sobre a que se articula todo este programa. Polo xeral, os participantes coinciden en que é moi duro, pero tamén moi gratificante.
As ganas de chegar a Santiago son enormes e algún mesmo asegura que é probable que, ao atoparse fronte á Catedral, derrame algunha lágrima.
"Nós imos chorar moito", afirma unha participante.
"Eu seguramente estarei cun pano aí atrás escondido", considera un dos participantes.
Levan xa uns días por aquí e a experiencia non os está defraudando. Cando son cuestionados polo que máis lles gustou de Galicia, téñeno claro.
"A comida, con certeza", asegura unha das participantes.
"Gústame moitísimo a comida. Encántanme os mariscos", comenta outra das participantes.