Facer deporte con altas temperaturas: as recomendacións para evitar un golpe de calor
As principais recomendacións son facer deporte a primeira hora ou ao final do día, manterse ben hidratado e alimentado e adaptar o adestramento
Nestes meses estivais, sobre todo cando afloran as temperaturas máis altas, os golpes de calor cobran protagonismo. É por iso que, á hora de facer deporte, debemos seguir unha serie de recomendacións para evitalos.
"O ideal é adestrar a primeira hora ou a última hora da tarde, estar hidratado continuamente, bebendo antes, durante e despois de facer deporte para repoñer electrólitos, estar ben alimentado con carbohidratos para achegar enerxía, adaptar o tipo de adestramento para que non sexa tan intenso coma en días que non vai tanta calor, tomar unha ducha de auga fría antes do adestramento para baixar a temperatura corporal ou durante o exercicio ter unha toalla mollada para refrescarte", comenta Iago Álvarez, licenciado en CAFYD e instrutor deportivo.
Saír camiñar, correr, andar en bicicleta ou facer ximnasia ao aire libre son algunhas das actividades que máis practica a xente nesta temporada de verán, pero argumentan que o fan a primeiras horas da mañá e tomando unha serie de precaucións.
"Poñemos gorra e protector solar para que non se queime a cara", afirma unha deportista.
"Evitar as horas de máis calor, que son as horas centrais do día, e beber moita auga", conta outra deportista.
Segundo puidemos comprobar, as actividades ao aire libre gañan importancia nesta época. Con todo, hai moita xente que segue preferindo facer deporte en lugares interiores.
"Con estas temperaturas é mellor adestrarse dentro, á sombra, polo tema do aire acondicionado, por temas de rendemento e para evitar fatiga, suor...", asegura un deportista.