Extraterrestre Rafa Nadal
Gañou o Aberto de Australia remontando un 0-2 nun partido memorable
É o seu Grand Slam número 21 e supera a Djokovic e Federer
Rafa Nadal logrou o Aberto de Australia nunha final memorable na que remontou un 0-2 e acabou derrotando a Daniil Medvedev por 2-6, 6-7, 6-4, 6-4, 7-5. É o título número 21 de Grand Slam para Nadal, que supera deste xeito a Djokovic e Federer cos que estaba empatado con 20 grandes.
O primeiro set foi para Medvedev dun xeito claro. O ruso rachou por dúas veces o servizo de Nadal e apuntouse a tirada cun contundente 6-2. O español devolveulle a rotura e encamiñou o segundo set cun 5-3 e saque. Dispuxo dunha bola de set pero Medvedev estivo brillante e conseguiu adxudicarse o xogo. Tivo que ser nun dramático tie break onde Daniil se fixo co segundo por 7-6.
Daquela apareceu a mellor versión do guerrilleiro Nadal. Con 3-2 por abaixo e 0-40 no terceiro defendeu o seu saque dun xeito admirable. A partir dese intre medrou no partido, rachou o servizo de Medvedev e adxudicouse o terceiro cun 6-4.
Comezaba o recital de golpes de Rafael Nadal, que no cuarto set volveu a repetir o guión do terceiro. Aguantou os seus saques e aproveitou unha das oportunidades que tivo para poñer outro 6-4 que levaba a final do Aberto de Australia ao quinto set.
No definitivo set Nadal volveu amosar a súa solidez. Mantivo o seu saque e deu unha gadoupada rachando o servizo do seu rival. Así ata o 5-4 e saque para Nadal co que gañaría o título. Con 30-0 Medvedev acertou a facer catro puntos seguidos que lle daban unha vida extra (5-5). Pero Nadal, outra vez na complicación, sacou o mellor do seu repertorio e fíxose con dous xogos seguidos para poñer o definitivo 7-5.
