Publicador de contidos

Publicador de contidos

Carlos Alcaraz remonta unha final memorable de Roland Garros diante de Sinner

Carlos Alcaraz remonta unha final memorable de Roland Garros diante de Sinner

O italiano, que non cedera unha manga en todo o torneo, adiantouse 2-0

O murciano salvou tres bolas de partido no 4º set, e gañou con autoridade no súper tie break

E o quinto Grande de Alcaraz, e segundo Roland Garros consecutivo

Foto: Reuters
G24.gal 08/06/2025 21:01

Carlos Alcaraz remontou a final de Roland Garros de xeito incrible contra o número un do mundo, un Yanik Sinner que non cedera un set en todo o torneo, pero acabou perdendo os tres últimos logo de gozar de 3 bólas de partido no 4ª, e queda estancado nos tres grandes. Para o murciano, que reedita o seu triunfo, é o 5º gran Slam.

O número un do mundo chegaba sen ceder un so set en todo o torneo, e contra Alcaraz sacou todo o repertorio. O primeiro set ía igualado ata que Alcaraz acadou o break, que lle daba a opción de levalo. Era o 3-4. Pero Sinner reaccionou, e de que xeito, para levar esta primeira manga por 6-4.

No segundo, o italiano volvía dominar, para adiantarse por un 5-2 que parecía xa definitivo. Pero aí chegou a resposta do murciano, que foi quen de levar o parcial ao tie break. Aí volveu aparecer Sinner para colocarse 6-2 arriba. Alcaraz gañou dous puntos consecutivos, pero non puido evitar que o set tamén caera do lado de Sinner por 7-4.

Na terceira manga, Alcaraz racháballe o servizo a Sinner no cuarto xogo para acadar unha vantaxe de dous xogos por primeira vez no partido (3-1). O murciano culminou o traballo para levar o triunfo por 6-4, e non era un triunfo menor. Era o primeiro set que perdía Sinner en todo o torneo.

A vitoria de Alcaraz nese terceiro set freou o ímpetu do italiano, e o cuarto foi máis igualado. Outra vez Sinner rachou o servizo do seu rival para colocarse con vantaxe. Gozou de tres bolas de partido, pero Alcaraz salvounas para darlle a volta ao set de xeito impresionante para colocarse 6-5. Gañou Sinner o seu servizo, e o partido foi, outra vez, ao tie break. Dous aces seguidos puxeron por diante a Alcaraz, que pechou o set de xeito brillante, 7-3.

O murciano aproveitou o golpe moral e lanzouse no quinto set, rachando o servizo de Sinner. Logo dun cuarto xogo épico, colocouse tres a un, camiño de revalidar o título. So quedaba conservar o servizo, e Carlos Alcaraz foino facendo. Pero non co 5-3, cando Sinner volveuse meter de cheo no encontro, e adiantouse 6-5. Tocoulle volver remar a Alcaraz e, unha vez máis, igualou o choque e mandouno ao súper tie break.

E aí, xa coas forzas dos dous ao límite, adiantouse 5-0. Quedaba a metade do camiño, e Sinner aínda sacou a casta para borrar o 0, pero o tie break, o set, a final e o título acabaron no saco de Alcaraz, que xa ten o seu quinto grande aos seus 22 anos. O resultado final foi 4-6, 6-7, 6-4, 7-6 e 7-6 en 5 horas e 29 minutos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade