Publicador de contidos

Publicador de contidos

A selección española cae na tanda de penaltis con Portugal, que se fai coa súa segunda Liga das Nacións

A selección española cae na tanda de penaltis con Portugal, que se fai coa súa segunda Liga das Nacións

O partido rematou con empate a dous, e na quenda errou Morata e Rubén Neves deulles o título aos lusos

Foto: Reuters
G24.gal 08/06/2025 23:51

Portugal fíxose coa súa segunda Liga das Nacións. Foi despois dun empate na final Ibérica diante de España que, desta volta non estivo atinada na quenda de penaltis. Un erro de Morata castoulles o título aos de Luis de la Fuente.

España comezou levando a iniciativa, cun once no que destacaba a presenza do céltico Mingueza, e aos poucos foise achegando á área de Diogo Costa. O primeiro remate foi de Pedri, pero marchou fóra. E, pouco despois, era Nico Williams o que probaba fortuna. Pero o gol chegou pouco despois. Aos 21 minutos, obra de Zubimendi. O tanto despexaba o panorama para os de Luis de la Fuente, pero Portugal reaccionou so cinco minutos despois. Empataba Nuno Mendes, nunha acción que tamén foi revisada polo VAR, que validou o gol.

Co empate a un e volta a empezar, volveu avisar España, cun envío para Nico Williams que sorteou a Diogo Costa, pero non chegou ao seu propio control.

E, xusto cando as dúas selección pensaban xa no descanso do partido, a selección española volvía adiantarse, cun pase en profundidade de Pedri que aproveitou Oyarzábal para batir por baixo a Diogo Costa. Vantaxe para os de Luis de la Fuente ao descanso.

Na segunda metade, a selección portuguesa deu o primeiro susto, Foi cun remate de Bruno Fernandes que sorprendeu a Unai Simón, pero foi anulado por fóra de xogo. A selección de Roberto Martínez seguiu dominando territorialmente, pero Fabián foi o que realizou un remate perigoso entre os paus que tivo que rexeitar Diogo Costa.

Portugal seguía por detrás, pero volveu igualar a conta nun centro de Nuno Mendes que saiu rexeitado, e cazou Cristiano Ronaldo para seguir engordando os seus números coa selección. 2-2 no minuto 61.

Outra vez volveu á carga España, que tivo unha clara nun remate cruzado de Nico Williams. E outra cun lanzamento lonzano de Isco, que volvía á selección seis anos despois. Pero o marcador xa non se moveu, e a final entrou na prórroga.

No tempo extra, avisou Cucurella cun envío alto e, xusto despois, unha condución de Nuno Mendes acabou co lateral no chan, pero o árbitro non indicou penalti. A segunda metade da prórroga comezou cun lanzamento de Pedro Porro desde o centro do campo. E rematou cunha cabezada de Diogo Jota, desde a frontal da área pequena, que marchou alto.

Na quenda foron marcando, sucesivamente, Gonçalo Ramos, Vitinha, Bruno Fernandes e Nuno Mendes. E, por parte española, anotaban Míkel Merino, Álex Baena e Isco, pero Morata topou con Diogo Costa no 4º, e Rubén Neves non desperdiciou a ocasión de darlle o título a Portugal, por un resultado de 5-3 nesta quenda de penaltis. Portugal proclamase campioa por segunda vez na súa historia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade