Publicador de contidos

Publicador de contidos

España estraga unha vantaxe de 12 puntos contra Bélxica, que lle volve gañar o Eurobasket (65-67)

España estraga unha vantaxe de 12 puntos contra Bélxica, que lle volve gañar o Eurobasket (65-67)

As de Miguel Méndez tiñan un 65-53 a falta de 2’56”, pero as belgas remontaron de xeito incrible

Allemand, Linskens e Meesseman botaron o equipo ás costas con 19, 17 e 16 puntos

Paula Ginzo e Raqwuel Carrera achegaron 11 e 10 puntos; María Araújo non xogou na final

Foto: EFE
G24.gal 29/06/2025 21:23

España buscaba o desquite diante de Bélxica, que a privara do ouro no anterior Eurobasket e, de paso, o quinto título europeo da súa historia. Pero vaise ter que conformar coa segunda prata consecutiva, logo dun moi meritorio torneo que quedou empañado por eses últimos tres minutos nos que deixou fuxir o título.

Entrou mellor España ao partido, con senllas canastras de Awa Fam e Torrens, pero as belgas déronlle a volta ao resultado aproveitando un erro no saque de Fam, que se resarciu a seguir cunha tripla. Comezaba a aparecer Messeman con 4 puntos e, a base de triplas, a selección campioa levaba a iniciativa. Pero España mantiña o ritmo, e unha bandexa de Raquel Carrera dáballe vantaxe a dous minutos da conclusión do primeiro cuarto. Vantaxe que confirmaba Elena Buenavida cun tiro libre (19-18).

O segundo parcial abría cunha gran canastra de Paula Ginzo, que botou o equipo ás costas con sete puntos para forzar o tempo morto das belgas cun 28-22. Volveron mellor as belgas, que reduciron a desvantaxe a 3 puntos, parando o partido Miguel Méndez a falta de dous minutos. Unha tripla de Andrea Vilaró e un 2+1 de Raquel Carrera levaban a vantaxe a 9, a máxima do partido. Pero dúas canastras de Linskens para pechar a primeira metade deixaron o resultado en 37-31.

A segunda metade comezou mal para os intereses das de Miguel Méndez, que tivo que pedir tempo morto con 40-37 logo de que so Raquel Carrera fose quen de anotar. Un 2+1 de Linskens igualaba o marcador mediado este 3º cuarto. E outro roubo de Meesseman, que anotou de dous, forzaba un novo tempo morto de Méndez co 43-47. Apertando en defensa, a selección española volvía ao partido. E no último minuto deste terceiro cuarto volvíase adiantar, cunha canastra de Ginzo para rematar 52-49.

Unha tripla de Ayuso e un roubo de Elena con canastra foron as primeiras anotacións do último parcial, xa con máis de dous minutos xogados, e devolvíanlle unha renda de 8 ás de Miguel Méndez. As belgas seguían sen anotar, e unha canastra de Fam levaba a vantaxe aos 10 puntos a menos de cinco minutos do remate. Vantaxe que chegou aos doce a 2’56” do remate.

Pero aí comezou a remonta de Bélxica. Meesseman deixaba ás súas 8 abaixo, e agora era España a que perdía a posesión. Linskens anotaba outro tiro libre, e Bélxica volvía recuperar e unha tripla de Allemand colocaba o 65 a 62. Parcial de 11-2 para Bélxica e a final entraba no treito decisivo máis aberta ca nunca. Outra canastra de Allemand, que sumaba 19 puntos, colocaba o 65-64 a falta de 17 segundos. Alba Torrens recibía un mal pase e dáballe a canastra da vitoria a Delaere. 65-66. Un último tiro libre de Vanloo pechaba co 65-67 unha derrota cruel, logo de que España deixara fuxir unha renda de 12 puntos en menos de tres minutos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade