O Museo Provincial de Lugo repasa a historia da acuñación de moedas en Galicia
"De monetaria galega. Galiza e a súa moeda dende a Antigüidade ata os nosos días", achega ao público xeral a historia da numismática do país
Unha das moedas que se expoñen é un sestercio da caetra ou sestercio de Augusto, unha moeda declarada Ben de Interese Cultural (BIC) e da que só se coñecen tres exemplares coas súas características no mundo

O Museo Provincial de Lugo posúe unha colección de moedas de máis de 10.000 pezas e medallas. Agora e ata o 30 de xuño podemos velas no marco dunha exposición baixo o nome de “De monetaria galega. Galiza e a súa moeda dende a Antigüidade ata os nosos días”.
A mostra, comisariada por Pablo Núñez Meneses, Antonio Roma e Aurelia Balseiro, exhibe unha escolma monetaria que nos leva de viaxe no tempo por toda a nosa historia para dar a coñecer, ao público xeral, as moedas acuñadas na Galiza e o pouso cultural que tiveron na xente e no pobo.
A presenza histórica da moeda no noso país, centrada especialmente en Lugo, así como a significación cultural da moeda en cada período.
Seguindo unha liña temporal que explica moito do contexto social e relixioso de cada momento. Ademais, a mostra incorpora a perspectiva de xénero, destacando a presenza de mulleres nas moedas, como nos casos das raíñas Urraca, Isabel a Católica e Isabel II.