Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os clicks de Playmobil chegan aos hospitais grazas á asociación Playmogalicia

Os clicks de Playmobil chegan aos hospitais grazas á asociación Playmogalicia

A asociación ten como fin solidario recadar fondos para xoguetes dos rapaces hospitalizados

Pretenden recuperar os valores do xogo compartido e imaxinativo destes bonecos

G24.gal 13/04/2025 20:23

A Asociación Galega de coleccionistas de Playmobil expón durante as próximas semanas unha mostra dos universos creados cos bonecos no centro comercial santiagués de Área Central. Durante a fin de semana celébrase ademais unha feira na que se poden atopar moitas das coleccións e complementos cos que levamos xogando desde mediados dos anos 70.

Os clicks de Playmobil anticípanse ás vacacións en Área Central. A viaxe comeza neste diorama do aeroporto para poder coller un avión. E chega a estoutro destino, unha zona de acampada, a pé de praia. En total hai cinco dioramas diferentes e milleiros de pezas de Playmobil que nos permiten crear cantos mundos se nos ocorran, como fan os socios de Playmogalicia, unha asociación de afeccionados con fins solidarios. 

"O que queremos coa asociación é, ademais de divertirnos xogando, levar a cabo cos nosos dioramas un fin social, que é montalos nas áreas de pediatría da sanidade galega", explica Xabier Bermúdez, socio de Playmogalicia.

O que levan aos hospitais son pequenos dioramas, e ademais colocan en todas as súas actividades urnas que permiten recadar fondos para mercarlles xoguetes aos cativos hospitalizados. Queren manter na rapazada aqueles recordos e valores dunha infancia doutra xeración.

"Buscando certos valores que nós observamos que nos valeron moito de nenos. Por exemplo, o feito de compartir, do xogo colectivo fóra das pantallas, poder interactuar e sobre todo fomentar moito a imaxinación, porque é un xoguete que permite crear mundos e desenvolver a fantasía de cando es neno", insiste Bermúdez.

E si que seguen construíndo  historias. Os cativos de hoxe tamén xogan con eles a policías e ladróns, piratas, granxeiros, personaxes de circo, músicos ou vaqueiros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade