Publicador de contidos

Publicador de contidos

Baixan as temperaturas en Galicia, pero AEMET non descarta nova vaga de calor a partir do xoves

Baixan as temperaturas en Galicia, pero AEMET non descarta nova vaga de calor a partir do xoves

A Aemet prevé unha baixada das temperaturas este martes e que remate a vaga de calor

Pero para a metade norte da península prevé unha nova subida para o xoves que podería dar lugar a un novo episodio de calor

G24.gal 11/08/2025 19:09 Última actualización 11/08/2025 20:20

A cidade de Ourense tivo este luns a temperatura máxima de Galicia con 40,6 graos rexistrados pouco despois das seis e media da tarde.

Na provincia de Lugo, Pantón chegou aos 39,4 graos.  E dous concellos empataron a 39,3 graos: o lucense de Ribas de Sil rexistrou esa temperatura na estación de San Clodio pouco despois das catro e media da tarde e o ourensán de Vilamartín de Valdeorras, na estación da Portela, ás catro da tarde.

As provincias do interior da comunidade seguen sendo as máis castigadas por unha vaga de calor que comezou o pasado 3 de agosto. 

Na provincia de Pontevedra, a máxima marcárona os 35,3 da estación de Gargamala, en Mondariz. A Coruña foi a provincia que rexistrou os valores máis suaves, cunha máxima de 32,9 en Melide. Pero toda a Costa da Morte estivo entre os 21,9 graos de Camariñas e os 23,7 de Lira. 

Durante o martes, Valdeorras, o Miño e o sur de Ourense estarán en alerta amarela por máximas por riba de 36 ºC.

O interior de Pontevedra, entre O Condado e A Paradanta, terá aviso amarelo por temperaturas superiores a 34 ºC.

A Aemet acurta a duración da vaga de calor

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) reduciu a súa previsión sobre a duración da vaga de calor que afecta España e estima agora que rematará este martes, en lugar do mércores, segundo a última actualización publicada este luns.

O episodio, que comezou o 3 de agosto, afecta a toda a península excepto á área cantábrica. Para este martes prevese un descenso das temperaturas na vertente mediterránea e un lixeiro ascenso no extremo sur, sen descartar que tamén se produza no extremo oriental do Cantábrico. No interior peninsular manteranse valores de 36 a 39 graos, con máximas de ata 44 no Guadalquivir.

Treboadas e mínimas de entre 22 e 25 graos

A Aemet advertiu de que a probable formación de treboadas vespertinas xeneralizadas introduce unha alta incerteza na previsión das máximas. As mínimas seguirán moi elevadas, entre 22 e 25 graos, na metade sur peninsular, litorais mediterráneos, val do Ebro e depresións do nordeste.

O mércores é probable que as temperaturas baixen na maior parte da península, con descensos máis acusados na vertente cantábrica, polo que xa non se cumprirán os criterios de vaga de calor. Aínda así, no cuadrante suroccidental e nas depresións do nordeste os valores seguirán sendo moi altos.

Para o xoves, a Aemet prevé unha posible subida térmica, sobre todo na metade norte, que podería continuar nos días seguintes e dar lugar a un novo episodio de calor, aínda por confirmar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade