Acompañan as nosas bebidas para facer boca antes de xantar: este luns é o Día Mundial do Aperitivo
En verán demándanse en frío e no inverno triunfan os petiscos de culler
Pode ser un viño cunha tapa ou o vermú cunhas olivas. O aperitivo, que celebra este luns o seu día, serve para facer boca antes de xantar e cadaquén escolle os seus preferidos. Din que esta tradición ten a súa orixe en Italia, pero xa a fixemos nosa.
Malia que tamén se poden tomar na casa, os bares adoitan ser os lugares escollidos para xuntarse cos amigos, sobre todo nas fins de semana, e gozar deses aperitivos.
Os hostaleiros explican que no verán o que máis se demanda son embutidos, salpicón, ensalada rusa, tortilla ou empanada, mentres que no inverno gustan máis as potaxes, a fabada, as lentellas ou os callos.
Este día mundial promoveuno en realidade unha empresa de patacas fritas e celébrase hai só tres anos, pero calquera escusa é boa para compartir tempo cos achegados e gozar do mellor da nosa gastronomía.