Este luns abre o prazo de solicitude para cursar FP nas prazas de novo ingreso
A Xunta oferta 49.164 prazas de novo ingreso habilitadas para o próximo curso 2025-2026
En Galicia hai 251 titulacións diferentes en FP, 40 delas de nova implantación
Titulacións: 159 ciclos de grao medio, básico e superior, 28 másters, 31 títulos de alta especialización, 18 formacións aceleradas e 15 programas formativos orientados a persoas con necesidades educativas especiais
.jpg)
A Xunta abre este luns e ata o 2 de xullo o prazo de solicitude para cursar unha titulación de formación profesional nas 49.164 prazas de novo ingreso habilitadas para o próximo curso 2025-2026, un 5% máis que no presente curso.
Os interesados poderán escoller entre 251 titulacións diferentes, 40 delas de nova implantación, repartidas en 159 ciclos de grao medio, básico e superior, 28 másters, 31 títulos de alta especialización, 18 formacións aceleradas (de nova implantación) e 15 programas formativos orientados a persoas con necesidades educativas especiais.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, animou a mocidade e a cidadanía no seu conxunto para coñecer a "ampla" oferta formativa "á carta", co reforzo de todas as modalidades.
"Todo aquel que queira pode atopar un oco na FP", remarcou o conselleiro.
Co obxectivo de axilizar ao máximo o proceso de admisión e matrícula, este ano por primeira vez os tres períodos de adxudicación de prazas concentraranse no mes de xullo (ata o de agora había unha adxudicación en setembro).
A primeira adxudicación de prazas realizarase o 15 de xullo, a segunda o 22 de xullo e a terceira o 29 de xullo. Tras estas tres adxudicacións, do 1 ao 26 de setembro seguirá aberta a adxudicación continua desde os propios centros educativos naqueles ciclos formativos onde queden prazas vacantes.
As instrucións cos detalles específicos para cada unha das modalidades poden consultarse no calendario de matrícula.