Organizan unha vixilia o sábado na Coruña cando se fai un ano do asasinato de Samuel
A policía detivo sete mozos en relación con este crime
Este domingo fai un ano do asasinato de Samuel Luiz, o mozo que morreu a consecuencia dunha brutal malleira no paseo marítimo da Coruña.
A Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual (ALAS) A Coruña organizou para este sábado unha vixilia en recordo de Samuel Luiz, asasinado o pasado día 3 de xullo de 2021 na cidade herculina.
A convocatoria terá lugar na avenida de Buenos Aires pola tarde, preto de onde se produciu a agresión e onde se gardará un minuto de silencio e farase unha ofrenda floral.
Con todo e ao tratarse dun acto de recordo na memoria do mozo, desde a asociación sinalan que co obxectivo de “respectar o proceso xudicial aberto" do que eles mesmos son parte, "non se lerá ningún manifesto".
Finalmente, piden respectar a "dor e a intimidade" da familia da vítima e piden "valentía" ás administracións para lograr a "igualdade real" do colectivo LGTBI.