Este 2022 é o ano hidrolóxico máis máis seco desde que hai rexistro
Os encoros do Miño-Sil están á metade da súa capacidade
A Confederación Hidrográfica Miño-Sil reúne este venres a Oficina Técnica da Seca
Non chove e as reservas de agua da nosa comunidade seguen diminuíndo. Os encoros da demarcación Galicia-Costa están a pouco máis do 63 % da súa capacidade, mentres que no Miño-Sil están á metade.
Hai tempo que os marcos saíron á luz no encoro do Leboreiro. Tanto que a herba volve medrar nas beiras.
Atópase ao 24 % da súa capacidade, case a metade do que sería habitual nesta época do ano. Unha imaxe que se repite por toda a conca do Miño-Sil onde se está a vivir o ano hidrolóxico máis seco dende que hai rexistro.
Tan só se recolleron 653 litros por metro cadrado. Son niveis un 21 % por debaixo do habitual.
Unha falta de chuvia que tamén se nota nos ríos. No Limia ou no Sarria o caudal caeu un 85 %, ata un 70 % menos de auga leva o Miño ao seu paso por Ourense ou o Sil no Barco.
E non hai previsión de chuvia, por iso este venres reunirán a Oficina técnica da seca. Na demarcación Galicia-Costa tras decretar a prealerta por seca na conca do Lérez agora preocupa tamén a situación noutras zonas como o río Anllóns.
Están a buscar solucións, pero insisten na necesidade de concienciarnos sobre a escaseza de auga e reducir o consumo ao estritamente necesario.