España xa está nas semifinais da Eurocopa de Suiza logo de eliminar á anfitrioa (2-0)
As de Montse Tomé dominaron o partido e mesmo estragaron dous penaltis
Os goles chegaron na segunda metade por medio de Athenea e Claudia Pina
É a primeira vez que España pasa unha eliminatoria de cuartos na cita continental
A selección española feminina segue camiño de sumar un novo éxito internacional, despois de proclamarse campioa do mundo e da Liga das Nacións. Na Eurocopa conseguiu superar a barreira dos cuartos de final, nos que quedara apeada en varias ocasións, e meterse nas semifinais. Foi cun brillante triunfo sobre a selección anfitrioa, Suiza, que se defendeu como puido do asedio das españolas ata ben entrada a segunda metade.
O partido comezou con España disposta a plasmar outra vez a súa superioridade no marcador, como xa fixera nos trs partidos da fase de grupos nos que acabou goleando. Pero, desta volta, faltoulle frescura na área rival. Alí creou a súa primeira gran ocasión nos minutos iniciais. Mariona forzou un penalti, e lanzouno ela mesma, pero non estivo atinada a disparou fóra.
O resto da primeira metade foi un monólogo español, cunha manchea de ocasións, pero o empate inicial non se moveu.
Na segunda parte seguiu o asedio, e as española bateron coa madeira en dúas ocasións. Tivo que ser novamente Athenea, que entrou desde o banco, a que desatascase o partido. Foi logo dunha longa ocasión, e asistida co calcaño por Aitana, que disputou o partido completo. O un a cero derrubou a resistencia das locais, e Claudia Pina axiña aproveitou un balón fóra da área para colocar un remate na escadra imposible para Peng. 2-0 e España xa pensaba nas semifinais.
No treito final puido medrar a renda, con outro penalti, desta volta cometido sobre Athenea. Desta volta lanzouno Alexia, pero Peng adiviñoulle a intención e despexou o tiro. Se cadra o único borrón nun encontro que lanza ás española sobre o seu obxectivo de seren tamén campioas de Europa.