España suspende a concesión de golden visa a investidores rusos
Portugal, Malta ou O Reino Unido xa decidiran cancelar estas concesións

O ministro de Asuntos Exteriores José Manuel Albares deu a orde de suspender a concesión de autorizacións de residencia e visados a investidores rusos, máis coñecidas como as golden visa ou visa de ouro.
Fontes de Exteriores confirmaron a decisión de non tramitar máis visados e permisos de residencia para cidadáns rusos a cambio de investimento dun mínimo de 500.000 euros en bens inmobles por cada solicitante e os investimentos financeiros e empresariais.
España únese así a Portugal, Malta ou O Reino Unido, que xa decidiran cancelar os seus programas de residencia a cambio de investimentos.
En España, ademais da compra dunha vivenda, a lei prevé tamén o investimento significativo de capital: a compra de polo menos dous millóns de euros en débeda pública española; un millón de euros en accións ou participacións en sociedades de capital español cunha actividade real de negocio; un millón de euros en fondos de investimento ou fondos de capital risco constituídos en España, ou un millón de euros en depósitos bancarios en entidades financeiras españolas.
Segundo a Oficina de Información Diplomática, entre principios de 2020 e finais de xaneiro pasado, España concedeu 492 golden visa a cidadáns rusos, dos que 160 se rexistraron en 2021 e sete en xaneiro de 2022.
Os permisos de residencia para cidadáns de Rusia por investimentos de capital foron só nove, cinco deles en 2020, tres máis en 2021 e un en xaneiro.