España pide máis cafés: cada persoa toma xa 562 cuncas ao ano
Os datos do sector indican que o consumo medrou un 3,7 % no último ano
A variedade preferida é o natural e nos fogares aumenta o uso de cápsulas
Só, cortado, con leite, con xeo, cargado, americano, capuchino... ou incluso espresso macchiato. Hai cafés para todos. O consumo desta bebida volveu crecer en España o último ano, un 3,7 %. Segundo os datos que acaba de facer públicos a principal asociación do sector, tomamos 4,2 quilos de café por cabeza ao ano, o que sería equivalente a 562 cuncas.
"Eu tomo café dende neno", conta un cliente da cafetería do hotel Silken Axis de Vigo. "Diso que os nenos toman un chingo para probalo. É o que contan os meus pais". "É un pouco para recibir o xute de cafeína que necesitamos para cada día", explica un compañeiro de mesa.
O café natural é, con moito, o que máis se consome, sobre todo na hostalaría. E en canto aos formatos nos fogares están a gañar terreo as cápsulas, xa se usan nunha de cada cinco preparacións. A receita ideal dun bo café recomenda usar sete gramos por cunca.
"A xente di que o mellor é un café con cento por cento variedade arábiga porque é o café máis puro pero, como digo eu, na vida hai que ter un pouco de malicia e aquí poñemos un vinte por cento de robusta, que é o que lle dá amargor", revela con retranca Marcos Pérez, o xefe da cafetería do Axis de Vigo.
Aínda que o acto de tomar café é unha escena moi latina, o certo é que na Unión Europea os países máis cafeteiros están no norte. Finlandia é o líder continental, con case oito quilos por persoa ano, por diante de Alemaña e Dinamarca. Aquí a maioría bebe o café na casa, dous de cada tres, pero evidentemente é unha actividade principal na hostalaría: en cada establecemento sérvense, de media, 96 cuncas por día. E tamén se foi estendendo o costume de levalo pola rúa.
"A covid deunos un gran pulo", explica a encargada do Belús Take Away Vigo, un local pioneiro en servir cafés para levar no centro da cidade. "Daquela, os cafés eran todos para levar. A xente viña, formábanse ringleiras... e xa se nos coñeceu".
Varios estudos indican que o café, en cantidades moderadas, pode ter efectos positivos para a saúde. Está claro que funciona como estimulante. Pero o exceso de cafeína pode xerar problemas: insomnio, dependencia e mesmo alteracións nerviosas.