A suba do prezo dos alimentos básicos está a mudar os hábitos de consumo
O gasto na cesta da compra incrementouse dende 2019 nun 52%. A mesma compra custa agora 30 euros máis
Os ovos subiron un 200% e o café custa agora un 135% máis. As familias galegas desembolsaron de media o ano pasado 5.800 euros en alimentación
O aumento de prezo dos alimentos básicos está a ter un forte impacto económico nos fogares españois.
"Caro non, carísimo. Isto non hai quen o pare. Andan con subir os soldos un 2% ou un 3% e o que teñen é que controlar os prezos", di un cliente tras facer a compra.
"Carísimo, a verdade é que se nota moitísimo. Máis de un 50% con respecto a outros anos", apunta unha muller.
"Teño un soldo pequeniño e hai uns meses facía a compra e xa. Agora non me da", asegura outra consumidora.
E xorden estratexias na procura do aforro. Entre elas, ir mercar máis veces pero cantidades pequenas ou visitar varias tendas para atopar as mellores ofertas.
"Quizais se nota que a xente compra un pouco máis ao día. Antes as compras eran máis abundantes e a xente non viña todos os días e agora si que a fan un pouco máis para o día", comenta María Dolores Sinda, propietaria dunha tenda.
"Levan cousas máis accesibles. O que pode gasta ben e o que non, gasta en arroz, pastas, o que poden", engade Marisol Domínguez, empresaria do sector da alimentación.
"Vas á peixería e antes comías tres ou catro veces á semana e agora comes dúas. Hai que baixarlle a todo", protesta un consumidor.
"Sobre todo miro as ofertas. Ando ás ofertas nos produtos que teñen maior caducidade e as que son de consumo diario, vou e collo o que haxa", revela outra muller ás portas dun supermercado.
A estratexia de visitar varias tendas beneficia os supermercados de barrio fronte ás grandes superficies, que rexistraron no que vai de ano a perda dun punto de cota de mercado. Con independencia do tipo de establecemento, o consumidor escolle cada vez máis as marcas brancas, son case a metade da cesta da compra, un 46% do total.