Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comezan as catas para a rehabilitación do Pazo de Lourizán

Comezan as catas para a rehabilitación do Pazo de Lourizán

Vai ser unha obra ambiciosa, que superará os 15 millóns de euros, e que pretende respectar o carácter deste inmoble tan vencellado á historia de Galicia 

G24.gal 01/10/2025 15:05 Última actualización 01/10/2025 16:46

Está no medio dun enorme xardín de cedros, magnolios e tamén especies autóctonas. Ergueuse no século XV o edificio da granxa que, co tempo e as remodelacións, se ía converter nunha das xoias da nosa arquitectura: o pazo de Lourizán.

Con elementos modernistas e clasicistas, a última ampliación foi feita a comezos do XX, cando o habitaba Montero Ríos, e incorporou elementos de estilo francés. Vestixios todos, tamén o da historia política que se escribiu dentro das dúas paredes, que están sendo examinados a fondo para conservar.

"Hai unha serie de elementos intocables, patrimonialmente protexidos, como pode ser a escaleira imperial ou os salóns patrimoniais que teñen uns teitos con escaiolas e pinturas que hai que preservar. Polo demais, tampouco pretendemos facer un falso histórico. É dicir será un proxecto en que se poña en valor o antigo pero no que o novo non quede camuflado", explica Blanca González, a xefa de obra. 

O edificio, que foi declarado Ben de Interese Cultural en 2025, vai combinar funcións como centro de investigación, con salas abertas ao uso cidadán e tamén unha parte de restaurante e hotel. 

 "Será un espazo multidisciplinar onde imos conxugar o espazo do centro de investigación forestal con usos máis turísticos, hoteleiros e con zonas recreativas. A mediados do 26 poderiamos ter xa o proxecto e comezar a licitar as obras", declarou María Jesús Lorenzana, aconselleira de Economía e Industria.

A idea é que, conforme vaian rematando fases, o pazo vaia paulatinamente abrindo partes ao público. A remodelación millonaria inclúe tamén unha contorna natural de gran beleza e valor.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar