Memorialistas acusan o Goberno de manipular o relato de Meirás e branquear os Franco
Critican que se exclúa o activismo galego e que se ignore o espolio do ditador
As entidades convocan unha mobilización diante do pazo mentres se celebra o acto oficial
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña acusou este luns ao Goberno de manipular o relato sobre o Pazo de Meirás e de branquear o espolio da familia Franco.
O presidente do colectivo, Carlos Babío, compareceu con representantes de 25 entidades galegas para denunciar que a invitación ao acto oficial previsto para o martes en Sada chegou “con nocturnidade e aleivosía” e coa intención de que os movementos memorialistas sexan simples convidados sen capacidade de participar.
Critican que se deixara caducar o prazo para declarar Meirás Lugar de Memoria Democrática
Segundo Babío, o Estado incumpriu a Lei de Memoria Democrática ao deixar caducar en xuño o prazo de doce meses para declarar Meirás Lugar de Memoria Democrática.
Agora inicia un novo procedemento de oficio, o que, na súa opinión, busca “excluír a sociedade galega” que loitou pola recuperación do pazo. Reclama que a declaración se faga con garantías legais, con transparencia e cun plan de uso público centrado na verdade histórica, a reparación das vítimas e a divulgación do espolio franquista.
O presidente da CRMH advertiu que se está producindo “unha usurpación, un cambio de relato”, e recordou que foi grazas ao activismo social galego que se recuperou o pazo. Tamén criticou o programa estatal ‘50 anos de España en liberdade’, que considera en realidade “50 anos de impunidade”, e cualificou de “esperpéntico” que se presente a transición como modelo en relación con Meirás.
O pazo, máis aberto cos Franco que co Estado
Babío denunciou que o protocolo de visitas públicas é hoxe “papel mollado”, xa que o Goberno ofrece menos acceso que a propia familia Franco. Explicou que coa complicidade da Xunta se substituíu a visita interior por paseos polos xardíns, e actualmente “é imposible facer unha reserva”.
Ademais, lembrou que en Meirás aínda existen “espolios pendentes” como a Casa das Cunchas, que segue en mans dos Franco, ou a venda dun acuartelamento da Garda Civil. Criticou que a cidade da Coruña manteña 14 rúas con símbolos franquistas sen que se adopten medidas.
Ante esta situación, os colectivos memorialistas chamaron a mobilizarse este martes diante do Pazo de Meirás, coincidindo co acto oficial do Goberno. Reclaman “menos propaganda, máis memoria, máis verdade, máis xustiza e reparación”.