Alugar só un cuarto dun piso xa pode custar máis de 300 euros
O prezo da vivenda de alugar subiu en Galicia un 7,6 por cento no último trimestre
Desde AGALIN constatan que o alugar por cuartos medra nas cidades
Dende a Asociación Galega de Inmobiliarias advirten de que o alugueiro por cuartos destinado a vivenda permanente e é xa unha realidade nas cidades.
"O que estamos vendo é que traballadores que de forma indefinida queren residir na cidade necesitan alugar un cuarto a prezo económico que poidan pagar co seu salario", di Vicente Martínez, vicepresidente de Agalin.
O prezo de alugar unha vivenda subiu en Galicia un 7,6 por cento no terceiro trimestre do ano, segundo o portal inmobiliario Idealista. Na capital galega máis do 90 por cento das casas arréndanse por riba dos 600 euros.
"Estamos falando de que menos de 600 euros é so un seis por cento, co ratio que recomenda o Banco de España de dedicar so un trinta por cento dos ingresos a vivenda, cunha renda de 600 euros precisamos un salario de 1800 euros de salario co cal se precisan dúas persoas", explica Vicente Martínez.
En moitos casos resulta máis caro arrendar só un cuarto nunha cidade que unha casa completa no rural.
"Depende das zonas, pero un cuarto está nos 300 euros". Poden ser propietarios que viven na propia vivenda e realugan un cuarto e propietarios que dedican o piso a alugar por cuartos", di Vicente.
Nalgunhas inmobiliarias, coma esta con 30 de experiencia no sector, adiantan que o alugueiro por cuartos pode ter problemas para propietarios e inquilinos.
"Para iso están os hoteis e as pensións, non todo o mundo pode coller e alugar un piso por cuartos". "Se veñen tres persoas que queren alugar un piso para traballar, un fai o contrato que é o responsable, pero o de alugar cuarto por cuarto nós non o facemos. Hai quen o fai, sobre todo particulares, nós non", di Manuel Saavedra, xerente de Arquisip.