España e Portugal acollen a Ucraína na súa candidatura para o Mundial de 2030
Segundo as federacións: "O proxecto pretende servir como fonte de inspiración á sociedade a través do fútbol"
A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) e a Federación Portuguesa de Fútbol (FPF) confirmaron hoxe que Ucraína unirase á súa candidatura conxunta para organizar a Copa Mundial de Fútbol en 2030.
O presidente da Federación Ucraína de Fútbol, Andriy Pavelko, estivo presente ao realizarse o anuncio na cidade suíza de Nyon.
España e Portugal levan preto de tres anos colaborando e preparando xuntos a súa candidatura, á que decidiron incorporar a Ucraína, como unha forte mensaxe de apoio e solidariedade ao pobo ucraíno, gran afeccionado ao fútbol, o que ademais reforzaría a candidatura luso-española.
Segundo as federacións: "O proxecto pretende servir como fonte de inspiración á sociedade a través do fútbol, cunha mensaxe transformadora de solidariedade e esperanza".