España certifica o seu pase ó mundial 2026 tras empatar ante Turquía (2-2)
A igualada foi suficiente para garantir o pase pero evitou a clasificación perfecta ó ceder os primeiros puntos da fase
O dianteiro do Celta Borja Iglesias non tivo minutos
@SEFutbol
A selección española empatou ante Turquía (2-2) no partido final da fase de clasificación para o Mundial 2026. Nesta ocasión o combinado de Luis de la Fuente relaxouse en demasía ao ter o pase virtualmente acadado e cedeu un empate.
España comezou moi ben o partido. No terceiro minuto Cucurella gañou liña de fondo e o seu centro foi rematado por Dani Olmo ó fondo da rede. España monopolizou ó balón neste período. A selección turca, que preservou os seus xogadores máis importantes para que non se perdesen as eliminatorias de repesca por sanción, plantou un 5-4-1 defensivo no que renunciaba á pelota. Olmo en varias ocasións, Oyarzabal e Aleix García gozaron de boas ocasións que non puideron finalizar. E na única chegada otomana, nunha xogada a balón parado, o dianteiro do Porto Deniz Gul empataba o partido. Era o primeiro gol que encaixaba a selección española nesta fase de clasificación.
O gol antes do descanso e o intermedio non sentaron ben ó combinado español que vería como Turquía daba a volta ó partido despois dun tanto de Ozcan cun bo disparo desde a frontal da área. Pero Oyarzabal respondería e igualaría o partido de novo ó aproveitar unha serie de rexeites na área pequena. O equipo de De la Fuente buscou o terceiro pero non foi quen de superar o muro defensivo dos turcos. Empate que clasifica a España para o Mundial e deixa ó combinado español ás portas de facer unha fase de clasificación case perfecta. Pero o obxectivo importante estaba acadado. España estará no mundial 2026 que se celebrará en Estados Unidos, Canadá e México.