España perde con Canadá (85-88) e queda eliminada do Mundial de baloncesto
O equipo que gañase metíase nos cuartos de final, e o triunfo foi para os americanos
España entrou con doce puntos de vantaxe no último cuarto (73-61), pero perdeu o parcial por 12-27
A selección española non poderá defender o título de campión mundial de baloncesto logo de perder con Canadá e quedar fóra dos cuartos de final (85-88).
Era un partido a vida ou morte para os dous equipos. O primeiro cuarto resultou igualado (21-21) e foi no segundo cando España comezou a marcar diferenzas cun Willy Hernangómez letal na pintura. O pivote español fixo 14 puntos na primeira parte e permitiu que España comezase a abrir unha fenda (40-33) que levou ata os dez no descanso (48-38).
A reacción de Canadá non se fixo agardar. O inicio do terceiro cuarto resultou demoledor (4-17 de parcial). Os americanos puxéronse por diante (52-55), pero España aguantou ese momento crítico e acabou ese período cun parcial de 9-0 que devolvía a vantaxe por riba dos dez puntos (73-61).
Os nervios xogaron o seu papel no último cuarto. Ningún dos dous equipos vía o aro con facilidade e custaba ferro e fariña anotar unha canastra. Canadá empezou a recuperar puntos e púxose a 1:51 do final a un só (78-77).
Nos minutos da verdade apareceu a calidade de Girgeous Alexander (30 puntos), que acabou decidindo desde o tiro libre. Unha tripla de Aldama deulle vida a España (85-86), pero o triunfo acabou caendo do lado canadense.