Publicador de contidos
Publicador de contidos

España e Portugal comprométense a impulsar o AVE desde Lisboa a Madrid e a Vigo

España e Portugal comprométense a impulsar o AVE desde Lisboa a Madrid e a Vigo

Paulo Rangel dixo que concede "o mesmo grao de prioridade" ás dúas conexións 

Este asunto será un dos eixes centrais do cumio bilateral do 23 de outubro en Portugal

Trens de Renfe e de Comboios de Portugal
G24.gal 14/05/2024 17:49 Última actualización 14/05/2024 20:39

Os gobernos de España e Portugal comprometéronse este martes a impulsar os proxectos ferroviarios de alta velocidade para unir Lisboa con Madrid e con Vigo a través do Porto, ao considerar que é unha "anomalía" que dúas capitais europeas non teñan esta conexión.

O ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, reuniuse co seu homólogo portugués, Paulo Rangel, no Palacio de Viana de Madrid no marco da súa primeira visita a España.

Un dos asuntos abordados foi o relanzamento da liña do AVE entre Lisboa e Madrid, que quedou paralizada tras a crise económica de 2008.

"Temos que liquidar esa anomalía de que dúas capitais europeas non teñan conexión pola alta velocidade e, canto antes se poida liquidar, mellor para os nosos cidadáns", remarcou o ministro español na conferencia de prensa conxunta ao termo do encontro.

Segundo Albares, para España é "exactamente igual" de prioritaria a ligazón Lisboa-Madrid como a de Vigo, para o que se necesita que Portugal conecte previamente a súa capital co Porto, un proxecto que está na súa fase inicial.

Rangel compartiu que o seu goberno concede "o mesmo grao de prioridade" ás dúas conexións e que vai "traballar en ambas ao mesmo tempo para recuperar o tempo perdido". Este asunto será un dos eixes centrais do cumio bilateral que se celebrará o 23 de outubro en Portugal.

Na xuntanza tamén falaron da situación na Franxa de Gaza e da medida que pretenden adoptar varios países europeos, entre eles España, de recoñecer a Palestina como Estado.

Rangel reiterou que Portugal é partidaria dese recoñecemento oficial, pero que agora non é o momento xa que a prioridade debe ser tentar convencer os socios europeos que teñen dúbidas coa fin de xerar "o máximo consenso posible".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade