Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os empresarios demandan máis operadoras para abaratar as tarifas do tren

Os empresarios demandan máis operadoras para abaratar as tarifas do tren

A Confederación de Empresarios denuncia que a falta de competencia encarece os prezos das viaxes en tren

A CEG  reclama máis frecuencias e "complementariedade" nos aeroportos galegos para atraer investimentos e turismo

Os empresarios galegos  aseguran que a "xudicialización" dos proxectos eólicos paraliza investimentos e a creación de novos postos de traballo

 

Juan Manuel Vieites, pte. da Confederación de Empresarios de Galicia, na entrevista da Radio Galega
G24.gal 02/11/2025 09:30

O presidente das Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) afirma que a falta de competencia na explotación das liñas ferroviarias encarece as tarifas.

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Juan Manuel Vieites asegurou  que  os prezos elevados van  en detrimento da competitividade empresarial e do acceso  das familias a este servizo.

"Reclamamos solucións e compensacións para Galicia por perda de competitividade. Pedimos un calendario para abrir a máis operadoras as liñas  que poidan liberalizarse. Tamén abonos para colectivos  e en picos de demanda, unha mellora da puntualidade  e a reposición dos servizos en caso de incidencias"

Vieites engadiu que non só se trata dos prezos, senón tamén da "fiabilidade" do servizo para chegar a Galicia.

Conexións España-Portugal

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia priorizou a conexión ferroviaria O Porto-Vigo fronte ao enlace con Madrid. Segundo explicou, cada día cruzan a raia 15.000 cidadáns e permitiría mellorar a competitividade das empresas galegas.

"Penso que a liña O Porto-Vigo é a máis necesaria, pero parece que a política vai por outro lado. Tamén porque o Camiño portugués está crecendo de maneira significativa e temos que poñer os medios de mobilidade para que todos os turistas que chegan a Saa Carneiro poidan vir a Santiago".

Juan Manuel Vieites dixo confiar en que  os gobernos de España e Portugal sexan "sensibles" ao que demandan Galicia e o norte do país veciño.

Rutas aéreas 

O presidente da CEG aposta  pola "complementariedade" e pola especialización no transporte de mercadorías, nos voos de baixo custo e nas rutas de longa distancia para mellorar a oferta dos tres aeroportos galegos. Tamén por incentivar rutas consideradas estratéxicas.

"Pedimos paquetes de incentivos temporais para novas rutas estratéxicas. Tamén unha folla de ruta para definir a complementariedade entre os tres aeroportos, as súas conexións e as frecuencias dos voos para atraer investimentos e turismo".

Juan Manuel Vieites reclamou que as rutas complementarias entre as tres terminais se artellen a través de estudos conxuntos entre a Xunta, as aeroliñas e a Confederación de Empresarios.

Sector eólico

O representante dos empresarios galegos afirmou que Galicia está "perdendo oportunidades" por mor da paralización de proxectos eólicos que, segundo sinalou, as empresas están levando a Aragón.

"Respecto o papel dos xulgados, pero a xudicialización dos proxectos eólicos está xerando unha inseguridade xurídica que paraliza moitos investimentos, a creación de emprego e a contribución de Galicia á transición enerxética".

Juan Manuel Vieites expresou a súa sorpresa polo feito de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia bloquee parques eólicos mentres o Tribunal Supremo e o Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea lles dá luz verde. Neste senso, reclamou normas claras e "mellorar a calidade das declaracións de impacto ambiental".

AP-9

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia defende avanzar cara á gratuidade  da autoestrada AP-9 "para eliminar as desigualdades históricas e mellorar a competitividade das empresas galegas"

"Noutras zonas de España fíxose e Galicia non pode quedar atrás. Reclamamos medidas que reequilibren a competitividade de Galicia co resto de España".

Juan Manuel Vieites explicou que pediron  informes técnicos e económicos actualizados sobre o rescate e a transferencia desta infraestrutura a Galicia que non debe comprometer, segundo explicou, "as contas públicas de forma indefinida".

Tamén sinalou que dende a Confederación de Empresarios de Galicia solicitaron unha   reunión a tres bandas co ministro de Transportes, coa Xunta  e con  Fegatramer (Federación Galega de Transportes) para abordar esta cuestión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade