Nenos ourensáns experimentan as dificultades que teñen os invidentes nas cidades
Con motivo da Semana da Mobilidade, o Concello e a ONCE recrearon unha rúa con distintos obstáculos para as persoas con dificultades de visión e os nenos percorrérona cos ollos vendados e un bastón
Coa venda nos ollos, Íker -alumno do colexio Mestre Vide de Ourense- repara en cousas en que non se fixara antes: "Non sabía o que ía atopar e pensei que ía caer, pero ao final non. Non quería pisar nada tampouco".
O percorrido, recreado pola ONCE en base ás experiencias dos seus usuarios, está cheo de obstáculos, interpretados tamén polos nenos que participan na actividade. "Eu fago un son, para que identifiquen que aquí é o final, que hai un semáforo", explica unha nena. "Eu son unha planta, que é un dos problemas que teñen as persoas invidentes cando van camiñando pola rúa", di outra rapaza.
Hai obstáculos evidentes, como as mesas das terrazas en plena rúa, ata outros máis insospeitados para os que non estamos afeitos a camiñar sen ver.
Julio Masid Masid, membro da ONCE: "As papeleiras que sobresaen das beirarrúas, farois no medio da beirarrúa, árbores, xente que aparca unha moto na beirarrúa...".
A actividade ten unha dobre vertente: aprender a non sermos un obstáculo máis na rúa, despistados por exemplo mirando o móbil, e botar unha man cando sexa necesario.
"Ser máis empático, poñerte no lugar dos demais", sinala unha alumna do CEIP Mestre Vide.
É unha das actividades que organizou o concello de Ourense con motivo da Semana da Mobilidade, co obxectivo de construír cidades máis amables para vivir.