A educación no seminario, unha ensinanza máis aló do intelectual
No seminario menor de Ourense optaron dende hai un par de anos por un modelo mixto e agora contan xa con 16 alumnas
Ademais de impartiren as materias tradicionais, reservan un tempo para a oración e celebran unha misa diaria, de luns a xoves
Espiritualidade, humanidade, emocións e, como non, educación. Estes son algúns dos valores que tentan transmitir no seminario menor de Ourense.
"Partindo do coñecemento de cada un deles, buscamos acompañalos neste crecemento. Aí o crecemento debe ser integral, non só intelectual, senón tamén espiritual, psicolóxico, humano...", conta o reitor do seminario menor de Ourense, Segundo Fernández.
Uns valores que van da man dun horario conformado por materias tradicionais e por tempos reservados para a oración e para dar as grazas.
"Comezamos ás 8:30 cun momento de oración, de encontro persoal e de encontro con Deus para enfocar o día. Despois vén un horario académico igual ca en calquera outro instituto e termina ás 17:30 despois de celebrar a eucaristía", comenta Segundo Fernández.
Unha das novidades dos dous últimos anos foi a inserción dun modelo mixto. Agora contan xa con 16 alumnas.
"O modelo mixto axuda a que a nosa proposta educativa sexa tamén máis integral, na que todos estean integrados e todas as dimensións se poidan coidar neste centro", apunta o reitor do seminario.
Tanto os profesores coma os pais ou os propios alumnos e exalumnos aseguran que este tipo de ensinanza os fixo mellorar en todos os ámbitos da vida.
"Mellorei un montón. Ti vesme hai dous anos e vesme agora e dis: "Esta nena que fixo?". Era un desastre", di unha das alumnas.
"A nivel de estudos, persoal, emocional...", comenta outro alumno.
"Comportamento, forma de tratarse como persoas...", engade a nai de dúas alumnas.
"Axúdanche a entender un pouquiño todo, basicamente", remata un exalumno do seminario.
Unha maneira de ensinar moi característica, pero que vai moi ligada aos valores que trata de inculcar a educación, que este 5 de outubro celebra o Día Mundial dos Docentes, para recoñecer e honrar o labor dos profesionais da ensinanza en todo o mundo.